A causa do castelo, 1936

Manuel Antelo TERRA E XENTE

VIMIANZO

BASILIO BELLO

23 jul 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

O 4 de abril de 1936 a corporación de Vimianzo acorda por unanimidade incoar expediente de expropiación do castelo de Vimianzo, edificio contiguo e fincas que o rodean, para dedicar a casa consistorial o edificado, construír un mercado público, un matadoiro municipal e un lavadoiro para os veciños. Acordou, tamén, declarar os edificios e os terreos de utilidade pública. O anuncio publicouse o 23 de maio no BOP, cun prazo de 15 días para que puideran reclamar quen se considerara prexudicado. Así presentou recurso de reposición primeiro, e despois, o 28 de xullo, recurso contencioso administrativo a familia Martelo de La Maza, dona do castelo.

O 22 de xullo de 1936 xúntanse na praza de Vimianzo un numeroso grupo de persoas preocupadas pola defensa da legalidade republicana fronte ao golpe de Estado do 18 de xullo. Coa intención de calmar ánimos e mostrar que prevalecía a legalidade republicana, as autoridades municipais deciden proceder ó levantamento da acta de ocupación dos bens expropiados e do inventario do castelo e anexos. Son acompañados por esas persoas cabo das torres de Martelo, onde entra unha comisión. O pequeno grupo abre as portas coas chaves e, mentres o secretario fai o inventario, outros colocan nunha das torres a bandeira española institucional, a comunista e a do sindicato. Así consta en diferentes documentos, sobre todo nos expedientes xudiciais dos xuízos sumarísimos feitos aos responsables municipais e políticos de Vimianzo e redonda, pola súa oposición ao «alzamento militar».

Disparos

O 25 de xullo de 1936 baixan dende A Coruña un grupo de falanxistas e unha parella de gardas civís cun tenente ao mando, que deciden entrar no castelo. Como non teñen as chaves, disparan para forzar as pechaduras e poder entrar, tal e como se recolle en diversos documentos e xornais. O seu obxectivo foi retirar as bandeiras vinculadas á Fronte Popular, deixando a tricolor que eles chaman «nacional». Logo incautan a casa consistorial e levan detidos para o cárcere de Corcubión ao secretario municipal, a un concelleiro e ao irmán do alcalde. A partir de aquí comeza a traxedia...

BASILIO BELLO

Resumindo os feitos, o Concello de Vimianzo expropia o castelo e propiedades anexas, seguindo un procedemento amparado na legalidade vixente, que garante o personamento dos propietarios, para defender os seus intereses. Un procedemento moi común, que levan a cabo as administracións para adquirir terreos de interese público: construír estradas, autovías, pontes, rúas, edificios públicos... Isto foi a causa principal coa que se xustificou a farsa xudicial militar contra os responsables municipais e políticos de Vimianzo no ano 1936, con nefastas consecuencias.

Durante o franquismo, e moito tempo despois, describíronse estes feitos como o «asalto» ao castelo por parte da corporación de 1936, cando queda claro o amparo legal que os asistiu, fronte á violenta intrusión dos falanxistas e os dous gardas que «asaltaron» o castelo, polo que parece, coa obsesión de retirar as bandeiras que non era do gusto dos sublevados contra a legalidade republicana.

Estes feitos legais foron a desculpa unha xeira de represión, morte e sufrimento entre os representantes das institucións e dos partidos, sindicatos e movementos contrarios á sublevación militar. Fusilaron ao secretario municipal, Andrés García Ferreiro, tras unha farsa de xuízo militar sumarísimo; «pasearon» ao irmán do alcalde Manuel Alborés Gándara deixando o seu cadáver nunha gabia en Arzúa; o concelleiro Manuel Vidal Martínez morreu no outono de 1936 polos efectos da súa vida de agochado en condicións penosas, e as persoas que foron ao seu enterro pagaron unha multa por acompañar o seu cadaleito; o alcalde, José Alborés Gándara, andou quince anos agochado en diferentes lugares; o tenente de alcalde, Alejandro Lema Trillo, estivo moitos anos agochado, vivindo de noite, e durmindo de día nun recuncho debaixo do mostrador da súa reloxería ou en dobres fondos de armarios; aos concelleiros encarceráronnos e embargáronlles os bens... Foron moitas máis as persoas asasinadas, perseguidas, agochadas, multadas, torturadas..., por un réxime ilexítimo e ilegal que se impuxo pola forza e eliminando fisicamente aos non afectos. Un réxime, o franquismo aínda moi presente, que tivo moito tempo a hexemonía de manter o relato falso dos feitos.

Despois de 86 anos reivindicamos o dereito a coñecer a verdade, e a un relato da Historia xusto. Nestes tempos, con políticos en parlamentos e gobernos que defenden o franquismo e as súas mentiras, fai falla facer memoria. Queremos contribuír a unha sucinta narración do acontecido en Vimianzo en 1936 para que fique no acervo común, e a que se faga xustiza a quen asasinaron ou morreu sen ela. [[O castelo de Vimianzo acolle hoxe, ás 22.00 horas, A causa do castelo, teatralización musicada dos feitos aquí relatados]].