Forza Vimianzo!

Vicente de Lema ONDA MAINA

VIMIANZO

BASILIO BELLO

24 jun 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Bernal Eáns de Moscoso era un home fero e bravo. Detrás dos rexos muros do castelo de Vimianzo asentou parte do seu poder. En Noia, colleu polas barbas ao bispo Alonso de Fonseca e colgouno nunha gaiola na cheminea do fortaleza soneirá. Non hai sorte máis grande que poder facer do teu pobo un escenario dunha película imaxinaria na que todos os veciños reviven feitos acontecidos moitos séculos atrás. A ilusión de vivir noutro tempo por uns días. Esa comuñón de sentirse protagonistas dun acontecemento único que transcende os guións descafeinados e artificiosos dun ocio industrial e teledirixido agora polas redes sociais. Vimianzo é a capital da historia. Hai que ir á capital do mundo medieval a gozar da súa viaxe no tempo. Deixar disolver no padal ese gusto dos pinchos irmandiños. Desgustar polo miúdo sabores traídos doutros tempos. Mastigar por un intre os centos de anos que transcorreron dende que Bernal Eáns pagou coa súa vida os ataques contra o bispado compostelán. Vimianzo está preparado para a súa gran cita coa historia: o Asalto ao Castelo. A ocasión máis grande que viron os séculos na Costa da Morte. Un escenario e uns feitos únicos. Os irmandiños cheos de razón derrubando o poder dos señores feudais. A bravura do débil contra o poderoso. Un acontecemento que se dá moi poucas veces e que os vimianceses viven coma se tivesen nas súas mans os fouciños e os picos cos que conseguiron derrotar aos seus opresores. A gloria dos débiles dando conta dos fortes alimenta o amor propio dunha vila que se volve grande de espírito e de ánimo invencible. Forza Vimianzo!