Pedras


Este domingo pasado sería o Día de Ramos. Tempos onde rememoro con fraxilidade a felicidade de levar o ramo a bendicir, entre a solemnidade do propio rito. Hoxe, cada vez que paso pola parroquia, sinto bastante mágoa ao observar como cae o Mosteiro de Baíñas. Coido incluso que moita xente descoñece a súa relevancia noutros tempos e pensa que non é nada máis que unha vella reitoral.

Se non preservamos a nosa historia, o máis común é que a esquezamos co devalar dos anos. Moito tempo atrás foi o refuxio dunha congregación de monxes bieitos da que hoxe, tristemente, só quedan ruínas. As portas de madeira foron encharcándose ate caer a cachos e o seu interior está inundado de silvas e maleza que van ancorando a construción coma un verdadeiro cancro. É imparable a morte e a desaparición do Mosteiro de Baíñas, apenas é un esqueleto do que verdadeiramente foi ata a Desamortización de 1836. A min gustaríame que nun futuro os meus fillos coñecesen a historia de seu que ten o meu pobo. Que se sentasen na mesma bancada que utilizaban os monxes na igrexa, como fixen eu dende nena. Gustaríame que soubesen a historia dos canzorros eróticos ou o gravado de San Martiño Pinario nun lateral. Encantaríame que respectasen as lápidas dos enterramentos no adro e que coñecesen a historia de como os franceses queimaron parte da estrutura.

Gustaríame que, a carón da nosa igrexa, prevalecese o Mosteiro de Baíñas, restaurado e habilitado na medida do posible. Oxalá se poida volver a sentir o recollemento do medievo nas paredes onde hoxe só se sente o canto dos estorniños que aniñan no cume.

Iso só pasa polo compromiso da Administración e a Igrexa. Deles depende.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
2 votos
Comentarios

Pedras