«Nunca atopei estruturas tan grandes coma estas nunha escavación»

paula vázquez CARBALLO / LA VOZ

VIMIANZO

ANA GARCÍA

Foi o director da primeira fase de escavacións do castro das Barreiras de Vimianzo que rematou o venres

06 may 2018 . Actualizado a las 22:40 h.

«Escavar un castro por primeira vez é unha experiencia fantástica. Foi un reto persoal moi grande para min», di o arqueólogo Tito Concheiro (Ordes, 1964), director das escavacións realizadas durante o último mes no castro das Barreiras de Ogas, en Vimianzo.

-Como arqueólogo traballou en castros como o de Baroña ou Elviña. ¿Que hai de diferente na escavación do das Barreiras?

-É un expediente X da arqueoloxía. Trátase dun castro que me despista totalmente. Nunca atopara estruturas tan grandes. É unha cultura material moi rica e moita cerámica, o que indica que é un verdadeiro expoñente do que foi a idade florida do castrexo galaico, unha sociedade tremendamente potente capaz de construír un poboado na chaira.

-¿Que é o máis característico deste caso?

-As estruturas enormes. Veño de escavar en Baroña e outros castros do litoral, cunha secuencia de ocupación de 800 ou 900 anos. Pero este castro dá a impresión de que estivo habitado tan só 100. É dicir, é tremendamente suxestivo que fixeran unha obra descomunal para vir aquí. Tiveron que facelo por algo, polo que a nosa idea é seguir cavando para intentar coñecer a historia completa.

-Xunto a Borneiro, son os dous grandes referentes da cultura castrexa na Costa da Morte. ¿Que define a esta civilización?

-Parécese a Borneiro no material pero non nas estruturas. A cultura castrexa defínena estes poboados potentes e grandes, cunhas defensas enormes e situados en chairas. Hai unha explosión demográfica que os incita a construír nas terras baixas. Ademais, tanto o de Cabana como o de Vimianzo, son testemuñas dunhas comunidades tremendamente potentes. Os nerios, os brigantinos e os ártabros, as colectividades que viviron nesta esquina de Galicia, foron moi fortes. Gran parte do seu éxito, e tamén fracaso, tivo que ver coa actividade metalúrxica.

«Eu xa contaba con que tiña que haber restos de minaría»

Logo dun mes de traballos nesta fortificación, Concheiro sostén que o castro das Barreiras tivo unha vida curta, pero moi intensa.

-Empezaron as escavacións a primeira semana de abril. ¿Xa se sabe o motivo polo que construíron este castro aquí?

-Sempre me fixen esta pregunta desde o principio das escavacións. O que temos claro é que estiveron nunha época prerromana. Non hai ningún material de importación, é puramente indíxena. En canto á funcionalidade, eu xa contaba con que a minería tiña que estar detrás. Así, apareceu un molde para unha placa, a partir do que se fan caldeiros. Tamén emerxeu un crisol, un obxecto que se emprega para levar o bronce líquido e botalo no molde. A arqueoloxía non só é a escavación, senón que tamén é un traballo laboratorio no que os meus compañeiros Cristina e Martín traballaron arreo, lavando e clasificando toda a cerámica. Hai metalurxia, o que para nós é unha novidade absoluta.

-¿Cara onde apuntan as hipóteses?

-Sabemos como marcharon, e parece ser que dunha maneira tráxica. As dúas casas están queimadas e hai un nivel de incendio brutal. Isto confirma que o nivel de ocupación neste fortín foi moi breve, dá a impresión de que estiveron pouco tempo, pero que fixeron un labor brutal. Por isto, o seguinte paso agora é enviar a cerámica a estudar para determinar as cábalas dun xeito claro.

«Poida que este sexa un caso único que explique algúns aspectos da Idade de Ferro» 

-Persoalmente, ¿como é a vida dun arqueólogo?

-Pois é unha vida de aquí para alí. Un entra neste traballo por puro amor e vocación. Levo trinta anos traballando profesionalmente neste campo e non me canso porque amo literalmente esta labor. De feito, entusiásmome moito cando chega xente nova para traballar comigo e lle colle agarimo á fortificación. Isto encántame! Se eu entrei por amor neste traballo, gústame que os que me acompañan tamén sinta isto.

-¿Como se leva un proceso de escavación tan suxeito ás condicións meteorolóxicas?

-Está claro que o traballo ao aire libre non é fácil. Trátase dun labor complicado no que a chuvia foi a protagonista de moitos días, o que nos obrigou a parar. Este ano tivemos moi mala sorte co tempo, que freou e incluso acondicionou a perforación. Tivemos que esperar ao tempo seco para poder avanzar nos traballos. Está claro que cando chove é moito máis difícil levar adiante a extracción nos fogares.

-De cara a futuras perforacións, ¿que sorpresas nos pode deixar este castro?

-Adiántome a dicir que poida que este sexa un caso único que explique algúns aspectos do que foi a dinámica histórica da Idade do Ferro galaica, é dicir, antes da entrada do imperio romano. Trátase dunha dinámica complexa e cambiante. O das Barreiras é un castro puramente etéreo, un caso único do que apenas existe información, ademais de outros exemplos similares.