Aquel «merlo branco» de Vimianzo

Flori Xoubanova A VIVA VOZ

VIMIANZO

J.M.CASAL

16 mar 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Coñecín a Roberto Mouzo no ano 1986, hai xa tres decenios. José María Bello, daquela coordinador do Servizo de Arqueoloxia da Xunta, foi quen mo presentou e quen, finalmente, nos encargou aos dous a elaboración do Catálogo Arqueolóxico de Vimianzo.

O noso traballo comezou nun frío mes de decembro, e como eu residía en Corcubión tiña que desprazarme tódalas mañás a Vimianzo, onde me esperaba Roberto cun jeep, un vehículo que nos permitiu acceder sen maiores problemas a tódalas localizacións arqueolóxicas: hai que ter en conta que estamos a falar dos anos 80, en inverno, e cun estado das comunicacións bastante ou moi deficiente.

Minucioso coñecemento

Ao pouco de comezar decateime de que José María Bello non estaba equivocado cando me manifestaba que Roberto Mouzo, aquel mozo de 22 anos e cos estudos de enxeñería técnica agrícola xa rematados, era un auténtico «merlo branco»: posuía un amplo e minucioso coñecemento do seu concello, do territorio dos xacementos arqueolóxicos da zona e que, a pesar do seu carácter reservado, tiña unha grande capacidade comunicativa á hora de conseguir dos veciños informacións significativas. E a todo isto había que engadir as súas excelentes calidades para confeccionar mapas, planos, debuxos, bosquexos, fotografías…

Como froito do noso traballo de investigación de 1986 quedaron inventariados e catalogados 32 monumentos (entre mámoas e antas), e ademais 13 castros. Hoxe, cos novos achados, estes números quedaron amplamente superados. Durante os anos posteriores tiven a sorte de coincidir con Roberto en varios congresos, conferencias, charlas divulgativas... Fun seguindo e sabendo da súa traxectoria e do seu compromiso polos medios e polas publicacións colectivas nas que participou. Contáronme que se lle está a preparar un ben merecido recoñecemento. Todo o meu apoio.