Comezou hai pouco no mundo da interpretación, pero desde entón xa participou en capítulos de tres series
11 nov 2016 . Actualizado a las 05:00 h.A Javier Miñones Trillo (Salto, Vimianzo) sempre lle gustaron o cine, as series ou o teatro. Non obstante, como el contou en Radio Voz Bergantiños, a vida non lle fixo coincidir a oportunidade de poder encamiñarse cara iso. Agora si. Foi no mes de marzo cando se anotou a un dos cursos organizados por Voz Audiovisual, o de interpretación. A produtora estaba daquela rodando a cuarta tempada de Serramoura, pero tamén viría logo Segunda oportunidade e El Final del Camino. Fontaneiro de profesión, Javier Miñones é, agora, un actor emerxente. Nas pasadas eleccións municipais foi, ademais, candidato á alcaldía por CxG.
-¿Como foi isto de iniciarse no mundo da interpretación e series?
-Un dos nosos profesores era Jorge Saavedra, un dos directores de Serramoura. Fíxonos un cásting aos alumnos, do cal eu saín elixido para facer un pequeniño personaxe. Ao acabar o curso empezaron a gravar Segunda oportunidade e tamén me elixiron para un pequeno papel. Ao rematar, gravaron El Final del Camino, en Silleda, e tamén, colléronme para outro pequeno papel.
-¿E como foi ese primeiro contacto co mundo das series?
-Ao principio é un cambio, un mundo descoñecido. Ver decorados, actores, directores, técnicos de imaxe e son... Foi un pouco sorprendente. Logo, ao irte habituando, xa o ves máis cotiá.
-¿Esperaba que xa ao saír do curso puidese facer papeis así?
-Para nada, non contaba. A miña intención era aprender, ver, pero non me imaxinaba que podería chegar a estar nas tres series. É unha oportunidade pola que lles estarei sempre agradecido. En tan pouco tempo... Foi unha experiencia moi moi gratificante.
-Feitas xa as gravacións, ¿para cando poderemos ver logo agora eses traballos na televisión?
-En Serramoura saio no capítulo 60, así que espérase que sexa para mediados de decembro. Cóntase tamén que logo empece a emitirse Segunda oportunidade, na que saio nos capítulos 6 e 7, o cal será en febreiro ou en marzo. El Final de Camino, en TVE, será tamén para o mes de febreiro. Virán todas xuntas, despois.
-¿Cambiou en algo a súa vida logo destas interpretacións?
-En principio todo segue igual. En Vimianzo sabíao pouca xente, pero ao ir saíndo nos medios de comunicación... Espero que lle guste á xente. Agora veñen as críticas, pero tamén se pode aprender delas, hai que saber aprender.
-¿Que espera do futuro agora que por fin puido achegarse ao mundo da interpretación?
-Agora mesmo estou nunca escola de artes escénicas de Santiago. Iso será para dous ou tres anos, porque en cinco meses de curso, como foi con Voz Audiovisual, o que fan é darche un camiño. Tiven compañeiros excepcionais, aprendín de todos, e o trato alí foi moi bo. Despois, unha vez acabe en Santiago, a partir de aí haberá que ter sorte e, se sae algo, pois aproveitar a oportunidade. Encantaríame poder dedicarme á interpretación, poñerei todo da miña parte para que sexa posible.