Supoño que cada un ten as súas referencias, os seus marcos de apoio, e todos son importantes. Se cadra, uns máis ca outros. Observo que en Baio móvense ben (vén aí unha fin de semana chea de cousas que non hai que perderse) para volver a ser o lugar que sempre foi, un destino imprescindible para mercar, para comer, para quedar. Lembro vellos mapas que regalaba de Caixa Galicia nos que só aparecía Baio entre Carballo e Vimianzo. Non estaban ben feitos, pero daba unha idea da relevancia. Sobre todo aquela caixa (agora banco: aínda o é). A de Muíño, a de Paco, a de Cruz, a de Ovidio, a de Rogelio, o Maroño e a farmacia Astray... Cito algúns por dicir algo, a maioría seguen, nomes históricos e normais para os do pobo, pero que tamén o son para os das parroquias de redor. Baio era unha prolongación máis deses sitios da volta, que coa chegada dos coches, a despoboación e o cambio de costumes foi a menos. Tampouco o colexio ten os nenos que tiña. Algúns repartimos os oito anos de EXB en dúas rutas: unha dende San Cremenzo por Anos, O Piñeiro e O Allo, e outra ata Tines e volta (non é broma). Era o que tiña ser zona cero do autocar. Pero non amolaba: aquela hora larga de traxecto daba para facer amizades, repasar, ver o mundo que nunca viamos e coñecer ben un cacho do noso entorno. E pensar, pensar moito mentres medrábamos. Sempre con Baio na meta. Vímolo subir. Vimos, non sei, ata como se facía a casa nova do outro médico, Santiago, e antes tirámoslle algunha pedra plana á poza do seu soto para que rebotase tres e catro veces. Aínda as vexo navegar.
A Baio levabamos as fabas no seu tempo. Era chegar con elas e os compradores perseguíante, como cando ías á Toxa e ofrecíanche colgantes. Tivemos un de man media vida, o da boina. A feira deu moito de si, aí naceron relacións. Era aquel un Baio vivo, dinámico, que por sorte coincidiu para moitos cos anos de aprender. A ver se pode volver a selo. Algo ten este pobo que deu bispos, escritores, futbolistas, médicos e avogados, físicos e mestres e, sobre todo, comerciantes. Será o vento que sube pola beira do río, será.