Xurxo Alfeirán, o mellor copleiro do 2021 no certame de Monte Branco 

Patricia Blanco
Patricia Blanco CARBALLO / LA VOZ

PONTECESO

Xurxo Alfeirán
Xurxo Alfeirán José Manuel Casal

O concurso de versos recuperado pola asociación cultural do Couto xa ten os seus gañadores

21 feb 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

O concurso de coplas de entroido recuperado este ano pola asociación Monte Branco do Couto, en Ponteceso, xa ten gañadores. Renaceu con forza este certame que se tivera feito aló nos 90 e que neste ano de pandemia chegou ata as trece participacións, o triple do que viña sendo habitual. Xurxo Alfeirán, autor do traballo Bienio pandémico, resultou ser o merecedor do primeiro premio, mentres que Paco Luís Abella Cruz se fixo co primeiro accésit e, Breogán Lourido Corral, co segundo. Todos os traballos achegados, ademais de cumprir os requisitos básicos, como o de contemplar unha serie de versos dedicados á persoa homenaxeada este ano, José Antonio Velo Pet, o panadeiro da Trabe, recentemente falecido, facían gala dunha sonora calidade.

Corrección formal; repaso da actualidade, con enorme peso da pandemia; esa crítica que sempre adoita estar presente na creación popular, xa sexa a nivel global ou local, de feitos políticos ou sociais; enxeño; ironía mordaz; ocorrencia; impertinencia; boa rima e entoación... Son algunhas das bondades descritas polos membros do xurado con respecto aos versos achegados, entre os que hai oco para reivindicar a cultura propia e o galego.

Xosé Antonio Andrade Figueiras, membro do Instituto de Estudos Bergantiñáns e do Club de Oratoria e Comunicación Toast Masters International; Xosé María Lema Suárez, na directiva do Semescom e un dos membros fundadores da asociación ProLingua; e Manuel Vilar Álvarez, actualmente director do Museo do Pobo Galego, foron as tres persoas integrantes do xurado. A eles, aos participantes e aos patrocinadores (Choiva Viños e Agacal) dan granzas dende Monte Branco. Ademais dos premiados, recibirán torta de Lestedo, viño Pazo Pondal e unha axenda todos aqueles que fixeron chegar propostas: Juan José Paredes, Carmen Eiroa, Matilde Vilariño, Nerea Pastoriza, José Álvarez, Fina Cousillas, Óscar García, Jesús Méndez, Victoria Cousillas e Guadalupe Blanco. Chegaron coplas dende Cabana, de Ponteceso, de Malpica, de Coristanco, de Laxe... Recóllense aquí as primeiras estrofas dos tres traballos que foron seleccionados.

Nuns cantos versos

Vinte vinte foi un ano xa difícil de esquecer, mais o deste que levamos ben parello tira a ser. Procedente de Wuhan, dun lugariño chinés, aló en marzo visitounos un bichiño con cen pés. Redondiño, invisible, empezouse a meter sixiloso na xentiña, provocándonos morrer. Os científicos do mundo, asustados ao tal ver, declararon a pandemia para o bicho combater. Os políticos mandaron confinarnos máis dun mes. Que desgraza para nós, que quedamos sen poder tomar viños nas tabernas e chupitos con cafés. Houbo quen quedou sen choio, sen ter que para comer, porque os ERTES non chegaban non se sabe ben porqué. Foron días encerrados sen saber o que facer, e cos nenos, sen escola, ensinándolles a ler. Houbo quen se fixo amigo como nunca antes ser de can, gatos, en paseo por saír ó atardecer [...]. Xurxo Alfeirán

Paco Luís Abella
Paco Luís Abella Ana Garcia

Ano dous mil vinteun, A Trabe, 10 de febreiro. Para Don Antonio Velo que foi bardo e panadeiro. Meu benquerido Forniños: como vas, amigo meu? Trátante ben aí arriba? Como che vai polo ceu? Desexo de corazón que ó recibo da presente esteas ben de saúde quedando a nosa... decente. Antón e Maite están ben e Teresa non te esquece. Bótante moito de menos polo que a min me parece. Pois cóntoche que este ano a cousa non andou fina, e todo por un bichiño que nos chegou desde China. Total, que nos encerraron; sen poder saír da casa, case sen poder movernos e acumulando na graxa. E a xentiña de repente, foi cousa de Belcebú, veña todos a mercar rolos de papel do cu. E logo, ás oito da tarde toleaban, abofé, ían todos ao balcón a cantar Resistiré. Só se podía saír para pasear o can... [...]. Paco Luis Abella Cruz

Breogán Lourido
Breogán Lourido

Ás beiráns do Anllóns cheguei este ano as xentes do Sur son os meus paisanos. Dende esta tribuna véñovos falar unhas cantas coplas ides escoitar. Este ano co virus é máis importante botar unhas risas para saír adiante. Antes de poñerme quixera berrar “O entroido en Galiza non é carnaval”. Son días ben lindos no noso país de Laza a Fisterra da Ulla a Verín. Para o ano que vén así llelo digo se non hai entroido non conten comigo. Aló polo sur no mes de febreiro facemos cantares para o ano enteiro. O noso obxectivo pódese explicar non temos máis meta que a de criticar. Ao rei ou á Leti ou a dona Sofía... [...]. Breogán Lourido Corral

Xurxo Alfeirán: «Estas propostas non se deberían perder»

Non era a primeira vez, nin moito menos, que Xurxo Alfeirán se presentaba a este certame de coplas do Couto. Ten levado xa os segundos postos, así que neste 2021 non agardaba «para nada» resultar o gañador: «Sempre me gañaba, ademais, Abella, que este ano quedou precisamente de segundo», dicía onte pola tarde. Alfeirán está ledo, mais non se presenta polo galardón, senón porque lle «encanta» esta proposta que enraíza coa tradición «e que non se debería perder baixo ningún concepto». Gaba o traballo que se fai no Couto. Asegura que el é «liñal», «un relator», sen a ironía ou o sarcasmo innato que ten Abella: «Algo disto hei de ter, pero teño que traballalo moito. Digamos que é coma se vestise unha nena con roupa branca, limpiña, pero sen calcetíns, sen cinta no pelo, sen adornos... », ri. A pandemia, as restricións, Trump, políticos locais, crítica social... Todo isto está nas súas estrofas. Tratou de non ferir a ninguén, aínda que alude a ese factor de transgresión a permisividade asociado ao entroido.