Borneiro na miña acordanza

Xosé Amancio Liñares Giraut

PONTECESO

PACO RODRÍGUEZ

En primeira persoa | «O noso aloxamento [en Ponteceso] era o Paraíso, un hostal acolledor onde por vez primeira probara as exquisitas angulas», escribe o historiador Xosé Amancio Liñares Giraut, que participou na excavación do castro de Borneiro

09 dic 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Reler un par de crónicas estudantís que publicara en La Voz de Galicia tráeme á memoria o xacemento arqueolóxico de Borneiro (Cabana de Bergantiños) e aquelas xeitosas campañas de escavación e posta en valor, dirixidas polos profesores Ana Romero Masiá e Xosé Manuel Pose Mesura (1950 ? 2012), fecunda parella intelectual, fértil tamén en humanismo. «Ponteceso: Un equipo de especialistas realiza escavacións arqueolóxicas no castro de Borneiro» (LVG, 9/9/1981) e «Un grupo de arqueólogos investiga no castro de Borneiro» (LVG, 13/7/1982) eran textos en contexto que querían relatar o estudo e a divulgación do interese desa cidade (cibdá, cidá) prehistórica, ilustrados con imaxes de fusaiolas autóctonas e cun plano do enclave.

A sección de arqueoloxía do Instituto Padre Sarmiento iniciara estas pescudas dende 1980. Así nolo explicara Ana Romero no primeiro artigo. Mencionaba os pioneiros nestas descubertas -publicacións de Pérez Bustamante e Parga Pondal (ano 1933); catas de Sebastián González e Jorge Eiroa (ano 1973)- e os achados máis salientables daquelas buscas que ela dirixía nos veráns, ó longo de máis dunha década. Un castro tamén chamado cidade celta, xacemento precoz na aplicación da técnica do carbono-14, do final da Idade do Bronce, datado ó redor do século VI a. C. e que se abandonaría xa antes da romanización da Gallaecia. Os resultados máis científicos e concretos destas escavacións plasmáronse en memorias e edicións posteriores.

O factor humano

Interésame agora a acordanza do factor humano naquelas xeiras estivais en Borneiro e na súa redonda. E completala co que ficou na nosa memoria, despois de 37 anos. Lembrar os compañeiros universitarios, habitantes ocasionais dese castro, quen me deixaran o seu testemuño na segunda das crónicas citadas. Aí quedaban na escrita xornalística os dicires de Malai Sobrín, Lourenzo Fernández, Manolo M. Barreiro e Miguel Anxo Seixas. No recordo, amais, entre o grupo de estudantes da USC, os nomes de Carlos Baliñas, Mar Llinares, Herminio Martínez... Todos están neste 2018 vinculados ás áreas do ensino, da cultura e das letras. Non desertamos da dedicación á Historia e ás reviravoltas do acontecer actual. Precisamente co amigo Seixas iniciara esta experiencia, cando subíramos a un autobús de liña en Compostela que nos levou a Ponteceso, á nosa base de operacións arqueolóxicas. Alí, o noso aloxamento no Paraíso, un hostal acolledor onde por vez primeira probara as exquisitas angulas.

Horas baixo o sol

Moitas horas baixo o sol cos nosos trebellos, furando afoutos no predio castrexo. Os directores instruíannos para que escaravellásemos con sumo coidado, na idea de que se poderían achar pezas requintadas e cobizosas. Eu, decote ben guiado, fitara tanto e tanto que na primeira noite, cando pechei os ollos para durmir, non vía máis que planos curtos con pedriñas e moita terra na escuridade do cuarto.

Aquelas xornadas supuxeran moitas outras descubertas, ademais da troula xuvenil nas noites de verán. Fomos ver o dolmen de Dombate, inda moi salvaxe. O alcalde de Cabana, Manuel Fariña -finado en 2000- convidáranos a un xantar. Soubemos máis de Ponteceso e do poeta Pondal. Xosé Manuel Pose levounos pola súa querida parroquia malpicá de Barizo, que definía como «a capital da cebola».

Os anos de estudante

Retornei nos últimos cursos co alumnado do Instituto de Negreira ás comarcas de Soneira e de Bergantiños, en viaxes didácticas. As Torres do Allo, castelo de Vimianzo, Ponteceso, xantar en Balarés. E, por suposto, visitamos outra vez Dombate co seu centro de interpretación e o castro de Borneiro, declarado Ben de Interese Cultural (BIC) en 2011. Moitas evocacións dos anos de estudante, cando volvín pisar esa contorna.

O labor desenvolvido naquel outeiro da cibdá de Borneiro foi toda unha lección ben práctica, un chusco traballo de campo que nos mergullou con afouteza nos eidos da arqueoloxía e do respecto polo noso patrimonio prehistórico.