Mulleres

Patricia Blanco
Patricia Blanco EN PEQUENO

PONTECESO

Houbo e haberá na Costa da Morte mulleres distintas, afoutadas, espelidas, coas ideas cravadas e o mundo collido polo manco. Mulleres fortes que trabaron unha historia sen ruído, sen recoñecemento, a veces doída, porque a súa cabeza evolucionara máis rápido que a propia especie humana. Así entraba nelas unha sorte de saudade por non ser quen de mudar o mundo, baixo dese pano á cabeza, desa toca de la, dese silencio calado. Se poñen a traballar a mente seguro que algunha atopan na memoria, desas sempre rodeadas de nenos. Veciñas da porta. O tempo, que ás veces é hipócrita, soe botar enriba desas mulleres a lenda da nostalxia, a pena. E así pasan á historia das vindeiras xeracións. As elas melancólicas. Pasoulle á mesma Rosalía, á que lle chamaron dende meiguiña a rula, nai, santa ou divina, tola, señora da saudade, chorona, sensibleira, apoucada. En ningunha terra, e menos na de Pondal, é pecado falar de Rosalía. Díxoo o escritor Anxo Angueira, aló polo 2010, nunha intervención en Ponteceso. Alí, entre muros de pedra, tratou el de desbotar tópicos, de iluminar con xustiza o traballo dunha dona «profundamente feminista», «pecadenta», «revolucionaria», que «quere para a muller outros papeis». Topou ela cun mundo que aínda hoxe resiste nas mentes perversas, pouco evolucionadas, acomplexadas. «Rosalía era unha adiantada: denunciaba cousas daquela que aínda hoxe en día habería que denunciar. ¡E facíao dunha maneira tan fina!»: falaba así Tamara Lema, responsable da Aula de Declamación da Fundación Pondal con motivo daquela obra No bico un cantar. Hai unha certa tendencia a desprazar o sentimento e a pena: ¡Mais cantas bágoas non terán caído por non dar un golpe (na mesa)!