Cando hai unha traxedia ou unha vítima que nos conmove pronto dicimos que nos poñemos no seu lugar. Dicían estes días pola Costa da Morte: «Abdoulaye somos todos». Una maneira de manifestar a dor que houbo na bisbarra pola perda do rapaz senegalés que o sábado faleceu no descanso dun partido de fútbol dos cadetes do Muxía. Ese mociño que seguramente soñaría con marcar goles como Messi ou Ronaldo veu a súa ilusión afogada xusto na beira do Atlántico, alí na Arliña, onde o mar bate contra as rochas mentres os seareiros do equipo animan, gozan ou sofren co seu equipo. Un pequeno balón de coiro foi neste caso a bola dun mundo de integración e afecto colectivo. Toda a bisbarra sentiu no seu corazón o golpe que inmobilizou o de Abdoulaye, que deixou de latexar de forma inexplicable. Un golpe que deixou mancado os ánimos de todos os xogadores e afeccionados da bisbarra. Cando a xente actúa con tanta naturalidade e sentimento non hai razas nin relixións que poidan superar a humanidade, e Muxía é un exemplo.Todos á unha contra a dor colectiva, como debe ser. É esencial sentir as penas e as alegrías dos demais. Se Abdoulaye nos deu o golpe de tristeza, Consuelo tróuxonos o da esperanza. Unha muller de 106 anos que tivo que recibir unha operación de cadeira e saíu moi ben. Aí tamén di moita xente: «Todos queremos ser Consuelo». A súa experiencia vital é unha mensaxe: «É posible chegar ben lonxe, e con saúde». Como a vida mesma, as dúas caras sempre presentes, a da dor e a da felicidade. Unha vai e outra vén, e ao revés. Ninguén está permanentemente nunha das dúas. O caso é levalas con dignidade.