Edificio con alma plural en Malpica

xurxo alfeirán chouciño

MALPICA DE BERGANTIÑOS

Apuntes históricos | A casa de Rogelio Abella é un dos inmobles máis grandes da vila, que garda moitas historias

18 sep 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

En todos os pobos hai construcións que gardan multihistorias entre paredes, domésticas unhas e sorprendentes outras. En Malpica temos a casona coñecida pola casa de Rogelio Abella.

É un edificio céntrico, particular, dos máis antigos e grandes da vila. Pranta rectangular con 151 metros cadrados de baixo e un andar. A fronte dá á rúa principal e o lateral vai paralelo pola rúa do Campo á reitoral Casa do Cura. Conserva a cantería nos esquinais, os muros de cachotería e o teito a catro augas, se ben no 2018 foille substituída a cuberta e baleirado o interior polo actual propietario, José Manuel Pose Esmorís.

Dos documentos por este facilitados, sonsácase unha antigüidade moi anterior a finais do século

XIX, no que aparece de propietario José Ramón Rodríguez Varela, un persoeiro de familia fidalga lugareña. Morto este no 1902, a casona é recibida en herdanza polo seu sobriño Juan Varela López de Limia. E o 23 de setembro de 1921 é mercada polo industrial Rogelio Abella Rodríguez na cantidade de 5.000 pesetas da época.

O señor Abella era oriundo de Pereda de Ancares (León), no que naceu o 2-10-1870. Recalou en Malpica con 19 anos na procura de fortuna. A traxectoria persoal fainos pensar que nas súas veas levaba a cerna do home emprendedor comerciante, pois nada máis chegar montou na Rúa da Igrexa unha taberna-ultramarinos nunha casa alugada que rematou mercando; que foi coarmador co señor Pereira dunha lancha-tarrafa, o Abella Pereira, que se malogrou no 1918 ó embestir contra o Illote, morrendo no accidente catro dos seus mariñeiros; e da embarcación Pepe, ambas as dúas surtidoras de peixe para a súa fábrica de salgadura no Camiño do Río, aquel longo edificio paralelo ao Carreixo dos Defuntos que chegaba ata a rúa da Fonte Vella e que deu emprego a moitas mulleres de Malpica durante 40 anos ata o seu desmantelamento no 1949; e que foi alcalde de Malpica na ditadura de Primo de Rivera, dende o 25-2-1926 ao 5-2-1930 por ser o maior contribuínte do concello.

Un solar arruinado

Volvendo ao edificio en cuestión, tiña pegado pola Rúa do Campo -naquel intre Campo das Redes- un solar arruinado de 66 metros cadrados denominado Casa do Forno, porque anos antes fora forno de cocer pan con cociña e bodega, propiedade doutro apelido noble do lugar, José Varela López de Limia. Os documentos dinnos que este espazo foi cedido en foro o 17-2-1906 por 37 pesetas anuais a Santiago Cachón Rodríguez -outro emprendedor comerciante berciano recalado en Malpica-; e que o 4-10-1921 Rogelio Abella merca aos Limia na cantidade de 830 pesetas. Así, pois, no espazo dun mes, este faise cos dous inmobles.

Os dous solares van ser xeradores de diñeiro, que rendibilizarán en Leonila, filla do señor Abella.

Este habilita a planta alta do edificio grande para aluguer. Lembramos o taller de tecer da súa nora Isabel de Lela; a escola nacional de nenos do mestre José García Cabezudo; os inquilinos Rafael Caamaño, coa perruquería da súa filla María Teresa; a José Sayáns, practicante reconvertido en médico; e ao químico-taberneiro Cayetano Quiroga, Tano. A planta baixa dianteira será espazo polivalente: taberna con parada dos transportes Guillén, Pescantinas, Finisterre e Lerio que rexentará o señor Ameixeiras Xeiriñas -xenro do señor Abella- e, despois, o Tío Ramón de Antón; posteriormente, dividido en dous espazos, usarano Calzados Anido de Carballo; pastelaría as señoras Marisa Ventureira -neta do señor Abella- e Carmen Freire; como taberna O Chiquito, Eugenio Regueira; libraría, os señores Miguens; e, actualmente, florería e roupas Lola’s, ambas da familia Montes.

A parte baixa traseira, a da rúa do Campo, foi algún tempo escola de Orientación Marítima, na

que impartiu clases José Sayáns. Máis tarde, taberna O Rincón, cos arrendatarios Rafael Caamaño, José Villar, Plácido Lema, O Rincón de Razo; Ramón Cotelo, O Rincón de Choncha; Isabel Pardo, Bar Canarias; e Supermercado Carmiña, Juan Ramón Chouciño. Recentemente, no mes de xuño 2019, Carmen de Posiño, actual propietaria, dedicouna á venda de artigos domésticos.

O arruinado inmoble Casa do Forno dispoñía nos anos 20 dunha cerca de pedra na que o Tío Piricacho gardaba no inverno a súa lancha. No 1927, o señor Abella habilitouno como fabriquín para salgar peixe. E nos 50, alugoullo a Calvo de Carballo para o mesmo fin, pasando a ser este local unha das orixes do imperio conserveiro Calvo, sendo as malpicás Ramona da Toribia e Herminia Alfeirán as pescas representantes.

Entre os 60 e 99, foi usado como bodegón polo señor Morgade; taberna O Ribeiral, polos señores Marcelino e Ramón Vecino, e cafetería-bar Óscar, polo señor Iglesias.

Nas obras de adecuación realizadas polo actual propietario, saíu a relucir o máis sorprendente do edificio grande: un flash do puzle histórico malpicán tapiado por pinturas de sucesivos inquilinos. Debaixo delas, dous deteriorados murais nas paredes laterais, un fronte ao outro a tamaño diferente, representan repetidos o escudo inequívoco da aguia bicéfala e o xugo coas frechas, delatores posiblemente de que o local norte da planta alta do edificio puido ser durante os anos da Guerra Civil e posteriores o lugar das xuntanzas dos falanxistas malpicáns.