Algo inmensamente pequeno pode destruír a cousa máis grande e poderosa. Unha palabra, por exemplo, é capaz de desfacer una amizade de anos, e un lixo imperceptible pode deixarte sen vista. E unha bacteria pode matar a un neno.
Isto último estivo a punto de pasar, pero non pasou. Contámolo esta semana na Voz e en Radio Voz: esa familia de Laxe que viu como o seu fillo o ano pasado estivo tan mal que «resucitou dúas veces». O pai, con todo o tempo que pasou, e sendo como é duro pola profesión que ten, aínda se emocionaba ao contalo e ao lelo. Puido ser algo de milagre, tampouco digo que non, pero foi sobre todo a capacidade e traballo do persoal da uci pediátrica do Materno, un hospital que ás veces parece que queda nun segundo plano ante o poderío do Chuac, pero no que hai uns profesionais de primeira. Non é falar por falar: cando un vai vello xa tivo que pasar por algúns episodios complicados (non tan graves coma ese citado), se cadra pola parte do rapaz, se cadra pola da muller, e vai vendo como traballan alí. Antes, durante e despois. Tempos de espera, horas dun lado para outro, ollando as cores graduadas do aparcamento, vendo como se ergue a brétema en Santa Cruz, como van pasando os avións cara Alvedro e o tren por debaixo do edificio. Como levan a tarde as vacas no prado do lado. Como vai e vén a xente con medos, preocupacións. E como traballan os profesionais, sobre todo como traballan. Xa o dicía o pai do neno: a sanidade pública é excepcional, con todos os problemas que sofre. Temos que coidala, e vixiar que nunca vaia a menos: as vidas están en xogo. E as vidas son o máis grande.