«Cantar a capela é sempre arriscado»

nerea costa / s. g. CARBALLO / LA VOZ

LAXE

XOÁN PIÑÓN

O cuarteto feminino Ejazz ofrece hoxe un concerto no gastrobar A Ventana en Laxe

29 ago 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Carmen Rey (A Coruña, 1969), é unha das catro integrantes do grupo Ejazz, xunto con Marga Ramos, Ángeles Dorrio e Betty Queiro. Fai seis anos que decidiron comezar esta aventura como formación e percorrer todas as vilas de Galicia coa súa música, unha mistura do soul, o jazz, o rock e a bossa nova. Hoxe actúan na Ventana de Laxe (23.30 horas).

-¿Canto tempo levan con esta formación?

-O grupo naceu no 2012. Ao principio pasamos bastante tempo montando, o repertorio é só con voces e non hai instrumentos, polo que é bastante complicado. Daquela, ensaiando e facendo os arranxos, todos pasaríamos un ano ata saír aos escenarios.

-¿Como se orixinou a idea de xuntarse e formar un grupo de jazz?

-A idea foi miña, porque o que máis me interesaba era facer os arranxos para catro voces femininas, non dúas masculinas e dúas femininas, que é o máis habitual. Eu quería facer un proxecto no que fósemos todas mulleres e non se botasen de menos esas cordas tan graves. Foi un pouco un reto para min facer eses arranxos. A idea inicial era esa, e logo pasalo ben, desfrutar e subirse a un escenario, é o que todos queremos.

-Cantan só a capela, ¿é máis difícil que acompañarse de instrumentos?

-É máis complicado porque cos instrumentos sempre hai unha referencia para a afinación. No grupo cada unha ten a súa afinación

e iso é o que máis hai que ensaiar. Cantar a capela é sempre arriscado, pero tamén é o bonito .

-Como o seu nome indica, o seu é un grupo de jazz, pero, ¿mistúrano con outros estilos?

- Si, nós facemos jazz, soul, bossa nova. Estamos ampliando agora un pouco porque a unha das miñas compañeiras gústalle o rock e aí estamos combinando un pouco todos os estilos.

-¿Dedícanse a Ejazz por enteiro ou teñen máis proxectos persoais?

- Eu dedícome a música totalmente. Teño varias formacións pero esta é coa que máis me vou movendo. Tamén teño outro grupo de 21 rapazas, que se chama Sisters in the House, e o meu propio proxecto persoal, Carmen Rey, co que xa teño tres discos no mercado.

-¿Cal é a situación actual do jazz en Galicia? ¿Vai gañando adeptos ou só quedan os nostálxicos?

-A nivel de músicos está nun momento excepcional, porque hai en Galicia moita calidade. Tamén hai moitos festivais de jazz. O que non sei é que está a fallar, porque algo está a fallar no público, que non vai en masa aos concertos. É certo que o jazz non é unha música para unha maioría. É unha música complicada de entender e ten que entrarche. Pero si que hai unha falta de apoio da Administración para facer algo máis de nivel, máis serio. Vivir dos escenarios está un pouco complicado se te dedicas ao jazz.

-Pero vostede conseguiu vivir disto.

- Eu vivo da música porque tamén estou dando clases, que é o que me permite sobrevivir. Ángeles tamén se dedica totalmente á música e ten varios proxectos. As outras dúas compañeiras o mesmo, teñen os seus traballos paralelos.

-Foron as gañadoras do Premio Martín Códax da Música 2017 na categoría de Coro e Grupos Vocais. ¿Que supuxo este galardón?

- O premio deunos visibilidade, sobre todo, e tamén chegamos a certo tipo de público que ata ese momento nos custaba. Pero sobre todo deunos máis coñecemento a nivel de Galicia; de feito, despois do premio participamos nun festival de jazz, e si que saíron cousas máis lonxe, non no noso ámbito de actuación. O máis importante é que é un recoñecemento dos propios compañeiros. Sempre agrada que pensen que estamos facendo un bo labor.

-¿Que obxectivos teñen a longo prazo?

-Percorrer toda Galicia e conseguir pasar para o outro lado. A música é universal, estamos a botar redes polos festivais de jazz, pero está complicado. O máis difícil do mundo da música e o ámbito comercial, polo menos para min, porque eu so penso na música. Do demais ocúpanse as miñas compañeiras porque eu pérdome un pouco.