Fisterra homenaxea a Ramón Marcote, defensor da orixe galega de Colón

La Voz CARBALLO / LA VOZ

FISTERRA

.

Segunda publicación da Biblioteca da Fisterranía, que será presentado este domingo no hotel Bela Fisterra

05 abr 2023 . Actualizado a las 12:02 h.

Dous anos despois da edición da Obra selecta de Francisco Esmorís Recamán, a Biblioteca da fisterranía, proxecto comandado por Modesto Fraga, vén de publicar o segundo volume da colección, neste caso dedicado a Ramón Marcote. Histórico bibliotecario do Centro Galego da Habana, é un dos principais impulsores, xunto con Celso García de la Riega, da tese do Colón Galego.

Marcote naceu en Sardiñeiro no 1880 e emigrou a Cuba cando apenas tiña 18 anos. No 1905 tomou posesión do seu cargo de bibliotecario, que desempeñou de maneira ininterrompida ata a súa morte, no 1955.

Explica Fraga que a obra de Marcote deixa ver que foi unha persoa «tremendamente preocupada polos problemas de Galicia, pola ausencia de progreso e polo histórico abandono da terra que o viu nacer». Apoiou e impulsou iniciativas relacionadas coa escolarización, a creación de escolas no rural, o intercambio cultural entre a colonia galega e a intelectualidade do país ou a creación da RAG, entre moitas outras.

Destacable foi a súa intervención na fundación, no 1920, do Comité Pro Colón Español, entidade aínda hoxe en activo e promotora da investigación para descifrar se Colón tiña raíces galegas. De confirmarse esta tese, «cen anos despois, a historia faría xustiza con este fisterrán, que sempre defendeu esta teoría a capa e espada», indica o escritor.

Autor da exitosa Historia de Galicia. Compendio (1924) neste primeiro volume que publica a Biblioteca da Fisterranía (haberá un segundo) recóllese fundamentalmente a súa obra articulística (1917-1945), así como os seus libros Colón pontevedrés (1920) e Contra España, no (1928). 

Haberá varias presentacións, a primeira delas este sábado, no salón de actos do Concello de Fisterra, ás sete da tarde.