O primeiro volume da Biblioteca da Fisterranía, un acto de xustiza con Francisco Esmorís

M. López CARBALLO / LA VOZ

FISTERRA

XOSÉ AMEIXEIRAS

Un cento de persoas asistiron onte á presentación do volume

14 jun 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

A máis dun cento de persoas non lles importou onte sentar baixo o sol abrasador do mediodía para contemplar un acto de xustiza con Francisco Esmorís Recamán, corcubionés de nacemento e fisterrán de corazón que protagoniza o primeiro volume da Biblioteca da Fisterranía. Na praza que leva o seu nome, xunto ao busto esculpido polo artista negreirés Andrés Barbatán na súa memoria, o poeta local Modesto Fraga presentou ante un nutrido grupo de asistentes un volume no que recolle a obra ensaística do que foi médico da localidade.

Fondamente comprometido coa mellora da calidade de vida da poboación, reivindicativo con todo o que tivese que ver co sector pesqueiro e tremendamente interesado na idiosincrasia fisterrá, publicou un par de separatas e numerosos artigos na prensa dos primeiros decenios do século pasado.

No volume onte presentado recóllense ámbalas dúas obras: Finisterre, San Guillermo y su Ermita, por unha banda, e Refranero Fisterrán. Esta última foi descrita por Fraga como unha obra «capital e única en Galicia» na que Esmorís recolleu máis dun milleiro de ditos populares que escoitou na vila, deses dos que «tanta xente aprendeu tanto». Nalgúns casos, engadiu tamén anotacións para clarificar o significado dalgúns deses refráns. Por exemplo, sobre «A galiña pon polo piteiro» aclarou o seguinte: «Si se quiere que las gallinas pongan se les ha de dar bien de comer [...]. También se dice ‘A galiña pol-o bico pon'».

Puxo Fraga en valor, así mesmo, a ilusión vital deste médico pola construción dun museo etnográfico, para o cal mesmo chegara a redactar uns estatutos.

Home xeneroso, foi descrito tamén no seu día como un bo anfitrión e mantivo contactos estreitos con relevantes persoeiros da súa época, como coa fotógrafa Ruth Matilda Anderson.

Con Esmorís Recamán, membro de honra do colexio de médicos e Medalla da Orden Civil da Sanidade polos seus estudos sobre o ictus, fíxose onte xustiza poética. El protagoniza este primeiro volume da Biblioteca da Fisterranía, máis haberá outros. O seguinte, seguramente, sexa un recopilatorio da poesía completa do Capitán Traba, mais os promotores desta iniciativa barallan moitos outros nomes para seguir ampliando unha colección que pretende poñer en valor as letras creadas na fin do mundo.

O coronavirus supuxo, curiosamente, o impulso que precisaba este proxecto. Contábao o propio Fraga aos micrófonos de Radio Voz Bergantiños naquel primeiro confinamento da primavera do 2020: «Desde que estou na casa non fago outra cousa que escribir», dicía. Xa avanzaba entón o seu desexo de proseguir co Capitán Traba, do que nada hai publicado, mais existen uns textos manuscritos que o darían a coñecer entre a poboación.