Lidia, neta de Estrela García, á que hoxe Dumbría homenaxea, di que ser criada por súa avoa «foi o máis grande que tiven na vida»
26 may 2025 . Actualizado a las 02:04 h.«Era tan marabillosa que nunca perdeu o sorriso, sempre cantando, dáballe igual un casco dunha botella de anís ca unha espumadeira, facía música con todo. Non sabía ler nin escribir, pero saíanlle unhas coplas e regueifas... Impresionantes, espontáneas. Que vou dicir eu... Como humana que foi, e coa vida que tivo, algún defecto tería, pero para min non tivo ningún».
Lidia Aguilar, de 60 anos, falaba así onte de súa avoa, Estrela García Caamaño, para ela «mamá Estrela». Falecida con 83 anos o 20 de maio do 2001, Estrela foi no 1979-1980 unha das informantes da suíza Dorothé Schubarth. A través do seu nome, e neste ano de Letras para a literatura oral, o Concello de Dumbría renderalle esta tarde homenaxe ás cantareiras, algo que emociona a Lidia: «Dou as grazas a todos os que vos acordades de mamá, se alguén merece algo, era ela».
Viúva con 27 anos e tres fillos
Estrela naceu en Regoelle, Dumbría, na Casa da Marmita, e casou neste mesmo lugar, para a casa dos sogros. Quedou viúva con 27 anos e tres fillos, a máis grande de cinco anos e o pequeno dun. «Tivo que deixar a casa, traballar e loitar por sacar adiante os bebés, pero penso que non gardou rancor. Traballou nas minas, ía de xornaleira, prefería que lle desen comida a cobrar, para así traerlla aos nenos. Vendía os ovos, o leite...», evoca Lidia.
Eses tres nenos aínda viven. A maior, súa nai, ten 89 anos, todos xa con problemas de saúde: «Mamá Estrela foi nai e pai en tempos nos que non había nada». Lidia sábeo ben: «Á miña nai eu chámolle Fina. Cando falo de mamá, falo de Estrela. Meus pais emigraron a Barcelona e eu quedei con miña avoa, crioume dos tres meses aos 7 anos. Foi o máis grande que tiven na miña vida. Ensinoume a ser nai, a ser avoa, todo, e eu tamén lle ensinei o que puiden. Cando empecei a ler a escribir ensineille a asinar, ata entón firmaba co dedo, ou cunha cruz». A Lidia seus pais levárona para Barcelona con nove anos: «Choraba por miña avoa. Somos seis netos, pero eu a única que criou. En canto puiden, con 17 anos, volvín con ela».
Acórdase das súas ensinanzas e fortaleza, da súa alegría, cada día, e aínda máis con feitos sinalados, caso do recente apagón: «Lembrei cando era eu pequeniña e me levaba ao lombo, polos camiños sen luz. Como un koala, abrazada a ela, eu coa cabeciña no seu ombro, tapadiña coa súa chaqueta, ela mirando para abaixo, inclinada, cun tizón na man, para ver algo e non ir abaticarnos...».
A mesma admiración que Lidia sente por súa avoa, ou unha semellante, sentiuna Dorothé cando chegou a Regoelle e se atopou cunha Estrela de 62 anos. Así o fixo constar no Cancioneiro popular galego: «Unha das mellores informantes que atopamos na costa. Non só polo gran repertorio de coplas, unhas 200, e desafíos que coñece, ou polas melodías que sabe, senón porque é unha das poucas persoas que non interromperon o fío da tradición oral e forma dunha maneira espontánea e persoal os tipos melódicos máis arcaicos». Dorothé gravoulle contos de ricos e pobres, cantos de Nadal, coplas, parrafeos e ata unha regueifa improvisada cun veciño, Domingos, falecido non hai moito: «Na regueifa a mamá non había quen lle ganara», asegura Lidia.
Ela soubo pola propia Estrela da visita de Dorothé: «Pasouno moi ben, aínda que non se entendían nada con aquela muller estranxeira», ri. Conseguiu do Museo do Pobo lembranzas daquilo en formato sonoro e gráfico, e tamén axudou Lidia a tecer o documental Dorothé na Vila: «Fun ás homenaxes en Baio e Carballo». Ela non herdou o talento de súa avoa, mais asegura que ten unha neta de oito anos que colle a pandeireta e canta de xeito natural: «Tataraneta de Estrela».
Hoxe en Berdeogas
O acto Cantareiras promovido para hoxe polo Concello de Dumbría será ás 18.30 na Casa Cultural de Berdeogas. Escoitarase a voz de Estrela, mais tamén o grupo Devesa da Lúa, mulleres maiores da parroquia que se volveron xuntar para esta ocasión, logo de 15 anos: Estrella, María Gloria, Pura, Maricarmen, Elena, Chinda, Lucita, María, Carmen, Divina e Maruja. Tamén actuarán as cantareiras da asociación Fonte Santa, Gaiteiros de Buxantes e a regueifeira Lupe Blanco. «Esta é unha homenaxe ás mulleres que conservaron a poesía oral tradicional grazas aos seus cantos, transmitíndoa de xeración en xeración», traslada o consistorio.