La Voz e Concello de Dumbría entregan os premios do certame Territorio Vákner

Patricia Blanco
PATRICIA BLANCO CARBALLO / LA VOZ

DUMBRÍA

Ainhoa Conde, Natalia Lema e Ana Isabel Rodríguez, primeiro, segundo e terceiro premio no certame de adultos
Ainhoa Conde, Natalia Lema e Ana Isabel Rodríguez, primeiro, segundo e terceiro premio no certame de adultos LA VOZ

O acto está previsto para este vindeiro sábado, 30 de setembro, ás 12,00, en O Conco

28 sep 2023 . Actualizado a las 20:14 h.

A entrega de premios dos certames literarios Territorio Vákner xa ten data: o vindeiro sábado 30, ás 12.00 horas, nas instalacións de O Conco, en Dumbría. Corresponden os galardóns á terceira edición do concurso escolar de contos e á segunda do de relatos de misterio convocado para adultos, concursos en ambos casos impulsados dende La Voz de Carballo, co patrocinio do Concello dumbriés. Como xa se fixera público coa resolución a mediados do mes de xuño, houbo no podio importante presenza da Costa da Morte.

No caso da convocatoria para adultos, o primeiro premio desta segunda edición foi parar á ceense Ainhoa Conde Castro, polo relato Querida Catalina. «Non o esperaba para nada», indica a autora, que xa obtivo un oitavo posto na primeira edición. «O meu único obxectivo era crear un relato que puidera amosar unha perspectiva diferente. Xeralmente cremos aquilo que nos contan aínda falando só unha parte, e dando por sentado que o silencio da outra converte á primeira en depredador. Estas situacións danse no día a día, cambiar iso era a miña exclusiva finalidade, dar voz, como elemento metafórico de algo que ocorre habitualmente», explica Conde, que compaxina a escrita coa súa profesión de inspectora de Seguridade Marítima.

A ceense Ainhoa Conde sostén a súa obra «Devotos do destino»
A ceense Ainhoa Conde sostén a súa obra «Devotos do destino» MAR CASTRO

Natalia Lema Otero, de Baíñas, Vimianzo, e tamén xa con obra publicada, mereceu neste segundo certame de adultos o segundo posto, que suma ao primeiro acadado no 2022, cando gañou. Ela escribiu Nos ollos pétreos do Vákner. Recuncar no achegamento a este monstro e á súa lenda, di, non lle resultou doado, pero máis que nada porque o seu é a poesía: «O relato cústame moitísimo máis». Declárase sorprendida por ter logrado este novo premio na valoración do xurado, sobre todo porque concorreron unha trintena de textos rubricados por autores xa de ampla traxectoria, «todos eles xente moi preparada».

Natalia Lema, escritora de Baíñas, Vimianzo
Natalia Lema, escritora de Baíñas, Vimianzo ANA GARCÍA

Aló polo ano 2017 iniciaba Ana Isabel Rodríguez Vázquez, de Ourense, o seu camiño nos certames literarios. Non lle ten ido nada mal, a pesar de que recoñece que a súa profesión lle deixa pouco tempo para a escrita: «Son perruqueira, teño un pequeno negocio». Ela, que mereceu o terceiro premio, escribiu para Territorio Vákner Cicatrices de herdanza. Explica que coñeceu o concurso pola Rede, e que se tivo que documentar ao respecto da temática, superando tamén que fose un ámbito no que, di, non adoita desenvolverse: «A ciencia ficción resísteseme», conta.

A ourensá Ana Isabel Rodríguez
A ourensá Ana Isabel Rodríguez Iago Cortón

Tiña o xurado que seleccionar entre os adultos dez relatos. Para os seus autores —ver táboa inferior— haberá diplomas e agasallos o sábado 30 en O Conco. Ademais, os tres con maior puntuación, todos de autoría feminina, como se viu, serán publicados nestas páxinas ese mesmo día. Como novidade, os dous primeiros postos teñen dotación económica este ano: 2.000 euros para o primeiro e 1.000 para o segundo.

No ámbito escolar

Tamén o sábado publicará La Voz de Carballo os dez textos seleccionados polo xurado no certame de contos dirixido ao ámbito escolar, centros emprazados ao longo de todo o Camiño a Fisterra e Muxía. A convocatoria incluía modalidade de primaria e secundaria e a ela concorreron case 200 textos. Quedaron na Costa da Morte os primeiros postos en cada caso. Así, Mireia Traba Ronquete, alumna do colexio Santa Eulalia de Dumbría, é a autora de A bruxa e o Vákner, texto gañador no apartado de primaria. Pola súa banda, Inés Liaño Carvalho, estudante no Manuela Rial Mouzo de Cee, creou As apariencias enganan, o conto con maior puntuación na rama de secundaria. Ambos centros —tamén novidade este ano— recibirán cada un 750 euros polo galardón obtido.

Exerceron de xurado nas convocatorias deste 2023 a escritora Concha Blanco; o docente e escritor Valentín Alvite; o profesor xubilado José Antonio Viña; o delegado de La Voz en Carballo, Xosé Ameixeiras, e a xornalista Patricia Blanco. O concurso territorio Vákner naceu no seu día co ánimo de seguir agrandando a dimensión literaria do Camiño de Fisterra e Muxía, así como a do feito histórico documentado no 1493, cando o bispo armenio Mártiros de Arzenján relatou terse enfrontado en montes de Dumbría a un monstro ou lobishome que nomeou como Vákner, e que hoxe lembra unha escultura no Marco do Couto. Creacións literarias que son, pois patrimonio colectivo.

PREMIOS DE ADULTOS

  • Primeiro. Ainhoa Conde Castro (Cee), polo relato «Querida Catalina».
  • Segundo. Natalia Lema Otero (Baíñas, Vimianzo), por «Nos ollos pétreos do Vákner».
  • Terceiro. Ana Isabel Rodríguez Vázquez (Ourense), por «Cicatrices de herdanza».
  • Cuarto. Rocío Leira Castro (Cee), polo relato «Vákner 4.0».
  • Quinto. Sara Caride Blanco (Cambados), polo relato «Fin do camiño».
  • Sexto. José Carou Rey (Rianxo), polo relato «O grilar dumbriés».
  • Séptimo. Fernando Patricio Cortizo (A Laracha), por «A lenda do lobo vikingo».
  • Octavo. Xosé Antonio Andrade Figueiras (Coristanco), por «As augas do medo».
  • Noveno. Jesús Rodil Rodríguez (A Coruña), polo relato «O día da noite».
  • Décimo. Ramón Caride Ogando (Cambados), por «Calquera historia ten voltas».

PREMIOS DE PRIMARIA

  • Primeiro premio | Mireia Traba Ronquete (colexio Santa Eulalia de Dumbría).
  • Segundo premio | Aroa Conde Cambeiro (colexio Manuela Rial de Cee).
  • Terceiro premio | Marco Calvo Gens (colexio Manuela Rial de Cee).
  • Cuarto premio | Nadia López Guisande (colexio Peleteiro de Santiago)
  • Quinto premio | Nicolás Fernández Autran (colexio Peleteiro de Santiago).

PREMIOS DE SECUNDARIA

  • Primeiro premio | Inés Liaño Carvalho (colexio Manuela Rial de Cee).
  • Segundo premio | Pablo Casais Lado (colexio Manuela Rial Mouzo).
  • Terceiro premio | Gaizka Lago Elorza (colexio Manuela Rial Mouzo).
  • Cuarto premio | Iván Lago Vigo (Manuela Rial Mouzo).
  • Quinto premio | Clara Plata Míguez (instituto Xulián Magariños, Negreira).