Exposicións, documentais, divulgación sobre o medio ambiente, promoción do libro e a lectura e, por suposto, teatro
30 sep 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Non haberá desculpa para non achegarse a Cee nos vindeiros dous meses. O Outono Cultural deseñado para outubro e novembro aglutina ata unha trintena de actividades que ben poden servir de gancho para gozar da vila. O Mes da Fundación, os cogomelos ou a solidariedade contra o cancro estarán presentes, mais sobre todo unha intensa xeira de citas da man do Concello: exposicións, documentais, divulgación sobre o medio ambiente, promoción do libro e a lectura e, por suposto, esa disciplina con tanta traxectoria en Cee: o teatro.
Fantoches Baj, a compañía aAntena, a regueifeira Lupe Blanco, a etnomedicina de María Moure, Antonio Fernández Aguirre co seu libro Relatos y memorias, así como contos para bebés estarán presentes nesa programación de outono. Nela, os afeccionados ao teatro terán unha das primeiras paradas o día 12 de outubro, con Malasombra e a súa comedia Go on!. Ítaca Teatro, con Profetas; Bea Campos co seu monólogo Marcho que teño que marchar; a Escola Municipal de Teatro de Muxía; Silvardeiras ou Barafunda serán outras das moitas paradas coa dramaturxia, esta última arredor do Samaín. Cómpre lembrar, ademais, que ata o día 20 de outubro pode visitarse a exposición Devoción popular na Costa da Morte, da fotoxornalista Ana García.