Entregados os premios dos Contos de Nadal: «Que así, así esteades todo o ano»

Patricia Blanco
Patricia blanco CARBALLO / LA VOZ

CEE

¡INCLÚE ÁLBUM DE FOTOS! O auditorio Baldomero Cores de Cee acolleu a entrega de galardóns do certame promovido por La Voz 

18 dic 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

«Contos de Nadal entrou na idade adulta. É xa unha das citas clásicas do tempo de Nadal da Costa da Morte». Margarita Lamela, alcaldesa de Cee, reivindicou así este sábado o certame promovido por La Voz e Radio Voz, e cuxa entrega de premios acolleu o auditorio Baldomero Cores da Casa da Cultura da localidade. Nenos premiados nesta 19.ª edición, familias, responsables educativos e municipais acompañaron un acto cargado de mensaxes. Sinda Cundíns, directora do colexio Labarta Pose de Baio, no que estuda a gañadora do primeiro premio, Mariña Vázquez, amosou o seu orgullo como mestra. «Sempre lles digo que son unha clase con moito talento»: do natural, pero tamén do adquirido con «traballo e esforzo».

Sinda Cundíns, directora do colexio Labarta Pose de Baio
Sinda Cundíns, directora do colexio Labarta Pose de Baio BASILIO BELLO

Chamou a ler para forxar unha boa escrita: «A lectura ábrenos as portas ao coñecemento. Dános ás para voar a imaxinación, para as emocións. A lectura é maxia, anímanos a viaxar». Estendeu os seus parabéns aos participantes e a La Voz por un certame «tan motivador».

Judith Fernández, directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa
Judith Fernández, directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa BASILIO BELLO

Judith Fernández, directora xeral de Ordenación e Innovación Universitaria, incidiu: «Falar de contos é falar de emocións». Quixo «poñer en valor o fomento da creatividade e da imaxinación nas etapas de infantil e primaria», mesmo como recurso «para afrontar problemas, asumir erros e buscar solucións». «Os contos —afirmou— non serven só para entreter. Transmiten tradicións. Aportan valores, axudan a aprender, a escoitar, a pensar», abundou. Eses intres de lectura das familias cos máis pequenos, dixo, mesmo teñen o poder de deter «a vida acelerada», de darlles aos adultos «outras gafas». Felicitou Fernández aos premiados e alentounos a seguir cultivando este talento «que vos vai dar momentos de satisfacción».

Margarita Lamela, alcaldesa de Cee
Margarita Lamela, alcaldesa de Cee BASILIO BELLO

Para eles pediu Lamela un aplauso. Dez galardóns dos que a rexedora desexou que fosen «motivación». Tal e como lembrou, en Cee saben da importancia deste tipo de iniciativas, pois levan «máis de trinta anos» organizando concursos literarios de achegamento ao libro, dende a biblioteca Franscisco Mayán. Cee, dixo Lamela, é «un concello comprometido coa cultura, coa educación, coa excelencia». É a terra, lembrou, do filántropo Fernando Blanco, «visionario», fonte dun legado educativo de valor «incalculable». Sete centros educativos, cifrou, ten o municipio, abranguendo todas as etapas, un carácter de centralidade que reafirma o ser sede das probas Abau. «Estamos felices de acoller hoxe esta entrega de premios», concluíu Lamela agradecendo á organización e empresas colaboradoras.

Xosé Luís Vilela Conde, director de La Voz de Galicia
Xosé Luís Vilela Conde, director de La Voz de Galicia BASILIO BELLO

E de felicidade falou asemade Xosé Luís Vilela, director de La Voz de Galicia. «O mellor que me pasou o venres foi ler a doble páxina que hoxe publica o xornal cos vosos contos», confesou. Amosouse «emocionado», por ter descuberto mundos marabillosos, pero tamén por ter viaxado, grazas aos textos, a escenas familiares. O sorriso de Nadal, primeiro premio, mencionaba ao Apalpador, ese ser dos Ancares que en noites de Nadal apalpaba a barriga dos nenos para saber se comeran, deixando algún xoguete de madeira e unha presa de castañas. Sempre, a mesma despedida: «Así, así esteades todo o ano». «Meu avó díxome un día: ‘Pon a man no bandullo: que a terra e o mar dean a túa fartura’, ‘Pon a man na cabeza: que os pensamentos que vaian ao teu maxín sexan bos para ti e para todos os demais’, ‘Pon a man no corazón: cantas máis persoas boas teñas aí dentro máis felicidade vas ter’». Así, Vilela pediu as presentes este sábado que levasen a man ao corazón: «Xa estades no meu, xa son feliz. Que así, así esteades todo o ano».

BASILIO BELLO

Historias e contos, pois, para unha velada na que tamén houbo risas co narrador Fran Campos e a súa amiga Filipa —levaron ata Cee as historias dunha mora, do neno Lolo e dun hipopótamo curioso—, e música de raíz e de acordeón, con Manuel Alejandro Pérez, Mario Caamaño, Jesús Muíño e Pablo Canosa. Interpretaron os tres primeiros, con gaitas e tamboril, Muiñeira do Morrazo e Polca Pequerrecha. Canosa, do seu lado, ofreceu Adiós Nonino, de Piazzola, e The Waltz of the Monsters, de Tiersen. 

Pablo Canosa, alumno da Escola de Música de Cee
Pablo Canosa, alumno da Escola de Música de Cee BASILIO BELLO