A escritora Concha Blanco será homenaxeada no seu Cee natal

La Voz CARBALLO / LA VOZ

CEE

ANA GARCÍA

A inauguración da praza que lle foi dedicada polo Concello será a mediodía

12 jun 2021 . Actualizado a las 09:37 h.

A escritora ceense e docente xubilada Concha Blanco será homenaxeada hoxe na súa vila natal por iniciativa da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG), que decidiu dedicarlle a ela o distintivo «Escritores na súa terra» este ano.

O acto comezará ás 11.15 horas na que despois será xa bautizada oficialmente como Praza Concha Blanco, unha zona axardinada localizada na parte posterior do Mercado Municipal. Alí descubrirase o monólito conmemorativo e plantarase un pradairo, árbore escollida pola homenaxeada polo significado especial que para ela ten. A Banda de Música de Cee interpretará varias pezas e a alcaldesa, Margarita Lamela, e o presidente da AELG, Cesáreo Sánchez, intervirán neste momento, así como a propia Concha.

As 12.15 inaugurarase oficialmente a praza para, apenas quince minutos máis tarde e xa na Casa da Cultura de Cee, proceder á entrega do distintivo que recoñece á autora como «Escritora na súa terra» 2021. Trátase dunha peza escultórica elaborada por Soledad Penalta.

Intervirán novamente a alcaldesa e o presidente da entidade que outorga o recoñecemento, e Pilar Sampedro procederá á lectura da «laudatio». Un discurso da homenaxeada, en resposta, pechará o acto antes de participar nun xantar de confraternidade no Hotel Insua.