Concha Blanco: «Non escribo a diario, pero a miña cabeza barrena tódolos días»

Marta López CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

ANA GARCÍA

«Teño claro que unha vez me asalta unha idea, xeralmente de noite, teño que atrapala», di a escritora ceense, que este sábado será homenaxeada pola Asociación de Escritores en Lingua Galega na súa vila natal

09 jun 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Poucos recoñecementos prestan tan ben como o que un recibe do lugar no que naceu. Un momento «único e irrepetible» que a ceense Concha Blanco vivirá nas súas carnes este sábado, cando a Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) e o seu municipio natal lle rendan unha merecida homenaxe polo seu labor como docente e, sobre todo, como escritora. Non é doado ser profeta na terra dun: «Vésenos tanto que acaba por vérsenos pouco», filosofa a autora dunha longa ringleira de obras. A vaca titiriteira, A camioneta da media risa, Quero que veñan meus pais, Cos ollos do avó, Será Correcto? (en colaboración coa súa filla, tamén literata, María Canosa) ou Macedonia de versos, entre moitísimos outros títulos.

Este sábado, e despois de que a proposta recibise o beneplácito unánime da corporación ceense, descubrirase a placa que acredita a dedicación dunha praza da capital municipal a Concha Blanco. «Agradoume moitísimo, porque a gran maioría foron alumnos meus, empezando pola alcaldesa [Margarita Lamela]. Iso é unha satisfacción enorme», di a homenaxeada, «xa que significa que gardan unha lembranza túa. Iso é para min o máis valioso».

Di a ceense que é escritora porque antes foi mestra. E que foi, quizais, o desexo de buscar solución a unha necesidade lingüística -é tamén coautora de varios libros de texto- o que desencadeou un prolífico proceso creativo que lle valeu numerosas distincións ao longo dos últimos anos: o Frei Martín Sarmiento ata en dúas ocasións, o Anduriña voandeira, o Pura e Dora Vázquez, ou o Arume de poesía, entre outros.