«Os escritores da Costa da Morte tedes que ser vós»

Patricia Blanco
PATRICIA BLANCO CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

Entregados en Carballo os premios do certame literario Contos de Primavera, promovido por La Voz: «É un orgullo estar entre xente que se imaxina unha Galicia mellor»

15 may 2023 . Actualizado a las 00:04 h.

O amor pola Costa da Morte e a imaxinación literaria, unidos, son «unha mestura artisticamente explosiva». E ambas as dúas cousas están presentes no certame Contos de Primavera, do que xa van seis edicións e do que onte, na sede do Grupo Calvo, en Carballo, se entregaron os galardóns deste ano. Luana Sueiro Bello, gañadora e alumna do IES Eduardo Pondal de Ponteceso, Uxía Santos, Adrián Varela, Icía Velasco, Pablo Taboada, Lucía Castiñeira, Guillermo Pastoriza, Julián Blanco, Adriana Vilar e Laura Martínez recolleron non só os seus galardóns, senón una marea de palabras e encomendas, como as de Teresa Varela, directora do centro pontecesán: «Seguide imaxinando e escribindo, contra o aburrimento e os males desta vida». Convidou ela á participación de novos institutos, como Evencio Ferrero, alcalde carballés, fixo tamén dirixíndose aos do seu municipio: «Precisamos xente que faga valer o territorio no que vivimos e o idioma que falamos».

BASILIO BELLO

É por iso que desexou «mil primaveras máis» para o país, para a lingua e para a «feliz iniciativa» que, dixo, é este certame, do que Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística, resaltou a unión de forzas. Organiza «un medio de comunicación poderoso», La Voz de Galicia en Carballo, e patrocina unha empresa de «grande significado», o Grupo Calvo: «Á nosa lingua temos que darlle vida día a día, e para iso somos necesarios todos. Parece a veces que o idioma, a cultura ou a docencia son só cousas da Administración, pero a cultura é cousa de todos. Un país para ser culto ten que ser capaz de unir ao redor da cultura a todo o seu tecido», afirmou. Case en vésperas das Letras, e lembrando o vigor do galego en Bergantiños, alentou aos estudantes a seguir traballando pola Galicia que soñara Fernández del Riego: «É un orgullo estar entre xente que se imaxina unha Galicia mellor».

BASILIO BELLO

Autoridades de Carballo, Ponteceso, Coristanco, Vimianzo e Cee acompañaron este acto do que o Grupo Calvo, na intervención de José Martínez Calvo e Fernando Calvo, conselleiros, se amosou encantado de participar, comprometendo novas colaboracións e felicitando a gañadores e participantes. Para eles trouxo Xosé Luís Vilela, director de La Voz de Galicia, un conto «case centenario», do ano 1925, o da Furna da Buserana e a súa conexión coa eterna felicidade. Lembrou aos homenaxeados nas Letras Galegas con raíces na Costa da Morte, como o propio muxián Gonzalo López Abente, para acabar dirixíndose aos galardoados: «De agora en adiante, os grandes escritores da comarca, da Costa da Morte, tedes que ser vós».

BASILIO BELLO

Aplaudida Orquestra de Corda do Conservatorio

O Conservatorio de Música de Carballo volveu colaborar un ano máis no acto de entrega de premios. Actuou onte a Orquestra de Corda, dirixida por Emma Urango e con tres intervencións aplaudidas e felicitadas. Pezas de Telemann, de Vivaldi e de Sibelius que estenderon as notas musicais a toda a sala. Intervencións, cabe destacar, seguidas cunha total atención polos rapaces premiados.

BASILIO BELLO

BASILIO BELLO