Ecos de Espalla Rimas: «Foi un día histórico para a regueifa»

Patricia Blanco
Patricia Blanco CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

Suso de Xornes e Lupe Blanco, no seu confrontamento final
Suso de Xornes e Lupe Blanco, no seu confrontamento final BASILIO BELLO

A segunda edición deste festival deixou boas sensacións: «Un bo día para a regueifa, para Carballo e para Bergantiños»

10 ene 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

«Carballo convértese con este certame na capital da regueifa, e con iso, por tanto, da oralidade e da lingua galega no seu ámbito máis popular, coa recuperación dunha arte tan tradicional como é esta da regueifa». Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística, facía onte esta valoración da segunda edición de Espalla Rimas, os Premios Galegos da Regueifa organizados por La Voz de Carballo co patrocinio do Grupo Calvo, Consellería de Cultura e Concello carballés. «A estrutura da propia gala, a relevancia que se lle dá, dignifica esta forma de cultura e ao mesmo tempo dálle unha dimensión a nivel de toda Galicia, con La Voz detrás de todo o proxecto. Encheuse o auditorio un sábado pola tarde, e a pesar de ser nunha data complicada, aínda en Nadal. Isto indica, doutro lado, a vitalidade da lingua galega cando se sabe buscar fórmulas ou modelos que son atractivos para a poboación, para a xente nova e para a maior, outro dos aspectos esenciais deste certame. Cando falamos de experiencias interxeracionais, este é un bo modelo. Aí hai transferencia de coñecemento, intercambio entre distintas idades e, como digo, potenciación da lingua», sopesa. Ri ao ter saído «de rositas» das coplas que lle dedicaron: «Os políticos, tanto eu coma Evencio [alcalde de Carballo], fomos zafando».

BASILIO BELLO

Cunha duración aproximada de case tres horas, máis extenso do previsto, o encontro foi para o rexedor unha mostra «de que a regueifa xa comeza a ter continuidade, cousa que é moi interesante». Menciona as rapazas do primeiro tramo da gala —eran maioría, tan só un neno—, chegadas dende a Escola Semente de Santiago e do instituto Marco do Camballón, de Vila de Cruces: «Ben está, ademais, que haxa unha presenza feminina importante». «Lupe Blanco é unha das referentes, sen dúbida ningunha. Emerxeu con moitísima forza. Alzarse por segundo ano consecutivo como a mellor regueifeira é un grande mérito, cos meus parabéns tamén para Suso de Xornes, que o fixo moi moi ben», detalla.

A disputa final entre eles, valora, foi «moi interesante»: de feito, non tería visto mal que esa contenda «tivese durado un pouquiño máis de tempo», axustando nos tramos anteriores. «Viuse neles moito traballo de regueifeiros. Porque si se cinguían ao tema, pero non esquecían a esencia, meterse co outro, con respecto, pero habendo ese pique. Iso é a regueifa. Levárono os dous moi ben, e viuse ao final, amigos, sen ningunha mala cara...». Agrádalle tamén, asegura, o xeito particular de Antonio e, sobre todo, afirma ter quedado moi sorprendido polo talento de Augusto Canario e Cândido Miranda, portugueses. Non deixa de admirar a capacidade de improvisación dos participantes: «O exemplo vímolo con Suso e coas criptomoedas, é algo que require dunha axilidade mental tremenda».

BASILIO BELLO

«Amena, divertida» foi como viu a gala a concelleira de Normalización Lingüística de Carballo, Maruxa Suárez. «Gustoume que houbese de novo moita participación da cativada. Vinos moi soltos para ter que subir arriba ao escenario, improvisar... As probas este ano foron máis difíciles, pero iso tamén deu xogo», apunta. Ve a Lupe e a Yéssica Nantón, esta última na categoría de RegueiNovos, merecedoras gañadoras. Incide na «mordacidade» da primeira, na súa regueifa «actual». «Hai futuro, e futuro feminino», incide Suárez, que ao igual que o alcalde cualifica de «dificílisimo» isto que fan regueifeiros e regueifeiras: «Hai que darlle moito á cabeza».

«Disfruteino moito», asegura Carlos Alonso Piñeiro, presidente da Asociación Oral de Galicia, galardoado o ano pasado como Valedor da Regueifa neste acto e membro do xurado. Concorda Manolo Maseda, tamén membro do xurado: «Paseino moi ben e aprendín moito. Foi un día histórico», celebra. Futuras edicións poden traer canda si novas melloras, claro. «Un pracer, e moi agradecida de poder estar», engade Olalla Liñares, parte igualmente do equipo de valoracións. «Un éxito, que se debeu á boa organización, aos presentadores e dende logo aos regueifeiros e regueifeiras participantes», manifesta Xan Fernández, que califica de «experiencia positiva» ter integrado un xurado de par de xente con «coñecemento e criterio sobre esta tradición cultural». «Un bo día para a regueifa, para Carballo e para Bergantiños», conclúe.