![](https://img.lavdg.com/sc/E8pLfjebNlS8yaBFz7A4b7MsYGI=/480x/2023/01/08/00121673134142192338701/Foto/C07E3040.jpg)
Inclúe álbum de fotos | A coristanquesa volveu impoñerse onte na segunda edición do festival Espalla Rimas, celebrado en Carballo por iniciativa de La Voz de Galicia
08 ene 2023 . Actualizado a las 05:00 h.Bergantiños volveu consagrarse onte como berce e principal fortín da regueifa en Galicia na segunda edición do Festival Espalla Rimas, promovido por La Voz de Galicia co apoio do Grupo Calvo, da secretaría xeral de Política Lingüística e do Concello de Carballo. E é que os catro finalistas das dúas categorías das que constaba a competición proviñan desta comarca: de Carballo, Malpica, Ponteceso e Coristanco. Todos poden sentirse gañadores logo dunha tarde na que imperou a retranca, a calidade da improvisación e a oralidade en galego, mais a gran triunfadora da noite foi Lupe Blanco, que por segundo ano consecutivo se alzou co título á mellor regueifeira de Galicia.
E non o tivo nada doado, pois eran cinco os versadores de primeiro nivel os que a acompañaban na sección RegueiAstros, a dos expertos. A sorte quixo que nos emparellamentos da primeira quenda xa se visen as caras Lupe e Suso de Xornes, finalistas en 2022 e, casualmente, finalistas tamén neste 2023. As outras dúas parellas estiveron formadas por Mani Braga e Bieito Lobariñas e por Antonio de Xornes e O Rabelo. Nesa primeira ronda, como se dun debate se tratase, cada regueifeiro tiña que defender unha postura sobre un tema asignado polo xurado: Suso estaba a favor dos proxectos eólicos nos montes, e Lupe, en contra; Mani defendía plantar eucaliptos no monte, e Bieito, criar vacas cachenas, e Antonio e O Rabelo tiñan que finxir un enfrontamento porque un lle movera os marcos ao outro.
Temas moi «forestais», bromeou o xurado, que logo darían paso a outros de moi candente actualidade, como as criptomoedas, que trouxeron de cabeza a Suso; o ano Xacobeo, co que Lupe aproveitou para lanzar un par de rimas á Xunta; a guerra en Ucraína, o asalto ao Capitolio dos Estados Unidos, a enerxía eólica ou as vindeiras eleccións.
Foi tal o nivel que o xurado se viu na obriga de elixir a catro, e non a tres, semifinalistas para medirse nunha regueifa aberta e de temática libre coa que se escollería ás dúas persoas que chegarían á batalla final, que non foron outros que Suso de Xornes e Lupe Blanco. Un, con corenta anos de experiencia ás súas costas, e a outra, coa responsabilidade de liderar o rexurdir desta arte que, por un momento, se temeu extinta.
A última batalla dialéctica da noite foi un espectáculo áxil, fervente, picante e con sabor a desquite. Suso pugnou por arrebatarlle o título a Lupe, e aínda que a votación rematou cun empate entre os membros orixinais do xurado, finalmente a incorporación do portugués Augusto Canário decantou a balanza en favor da coristanquesa. Cando recolleu o seu premio, de mans de Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística, e Xosé Luís Vilela, director de La Voz de Galicia, Lupe instou a seguir traballando de forma diaria en prol desta práctica e rematou cun sonoro: «Medre a regueifa, medre Carballo e medre O Xestal!».
Augusto Canário e Cândido Miranda, dous mestres do verso na «Galiza do sur»
Foron dúas das estrelas da noite. Nesta segunda edición dos Premios Galegos da Regueifa actuaron como convidados os portugueses Augusto Canário e Cândido Miranda, dous referentes da improvisación oral no país veciño que conquistaron ao público carballés dende o primeiro verso e aliviaron a tensión dos momentos de deliberación con coplas ateigadas de referencias locais.
«Cando veño a Galicia, veño á Portugal do Norte», cantaba ao inicio da gala Augusto, que acabou formando parte do xurado que se encargou de valorar aos RegueiNovos e aos RegueiAstros.
![](https://img.lavdg.com/sc/cd9bnN3FV5_kTGPkIAwmTvd2d6Q=/480x/2023/01/07/00121673131084109370811/Foto/C07E3066.jpg)
Agradecidos polo convite e sorprendidos pola «calidade de tódolos regueifeiros» que ao longo da tarde se subiron ao escenario, Augusto e Cândido quixeron poñerse na súa pel e mesmo probaron sorte extraendo un tema ao azar sobre o que improvisaron unha copla: a inflación.
Aínda que ao longo da noite os dous artistas acompañáronse do acordeón e a guitarra, na súa última intervención regueifaron ao estilo galego: sen acompañamento musical e con moita retranca nos seus versos. Aludiron, principalmente, aos seus corenta anos de amizade e colaboración musical. E nin micrófono precisaron! A viva voz, e con moito humor, arrincaron un sonoro aplauso da bancada do Pazo.
Domingo Blanco: «Os valedores son os que siguen regueifando»
Un dos recoñecementos máis especiais da noite recaeu no docente retirado Domingo Blanco, autor de importantes investigacións sobre a arte da improvisación oral e do libro A regueifa en Cabana de Bergantiños. A el foille outorgado o premio Valedor da Regueifa, que recoñece a unha figura ou entidade polo seu labor en prol da promoción, recuperación ou difusión desta secular tradición.
![](https://img.lavdg.com/sc/Aln22BLSwglx2CMx5tp69Nvrgj4=/480x/2023/01/07/00121673130963426681570/Foto/CE8C6F7_7.jpg)
Fíxolle entrega do distintivo María Herminia Calvo Pumpido, que acudiu no nome do seu irmán Luciano, presidente do Grupo Calvo, unha empresa que por segundo ano volveu apoiar a celebración destes premios.
Unha vez no escenario, Blanco agradeceu o recoñecemento, aínda que asegurou que «os verdadeiros valedores da regueifa son as persoas que seguen regueifando. Como Suso e Antonio [de Xornes], que levan corenta anos facéndoo e mantendo viva a chama desta arte para as novas xeracións que veñen detrás», expresou o galardoado, que rematou cun sonoro «Longa vida á regueifa!».