A carballesa Yéssica Nantón, gañadora da sección RegueiNovos

Marta López CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

BASILIO BELLO

Inclúe álbum con imaxes | Premios Galegos da Regueifa | Gañoulle ao malpicán Óscar García e brillou nunha categoría na que houbo equidade de voces femininas e masculinas. Lupe Blanco, pola súa banda, gañou na sección RegueiAstros

08 ene 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Outra muller, neste caso carballesa, foi a vencedora da sección RegueiNovos dos Premios Galegos da Regueifa celebrados onte en Carballo, unha sección na que competiron versadores menos experimentados que se están introducindo nesta tradición oral. Yéssica Nantón chegou á final xunto con outro bergantiñán, Óscar García, co que improvisou unhas coplas nas que non faltaron referencias ás súas respectivas procedencias, aos membros do xurado ou á orixe viguesa dalgún dos outros contendentes que non chegaron a esa fase final.

E é que foron seis os seleccionados para medir forzas nesta categoría: ademais dos xa mencionados, participaron tamén a coristanquesa Carmen María Taibo (Carmaría), o coruñés Daniel Vilas (Chaminho), a viguesa Sara Marchena e o burelense Cristian Gómez. Na primeira proba foron repartidos por parellas e, ao igual que os RegueiAstros, asignóuselle un tema a cada dúo para que defendesen posturas contrapostas: a favor ou en contra dos implantes de cabelo en Turquía, okupación ou alugueiro turístico dun apartamento herdado en Compostela ou os beneficios da visita dun membro da realeza a Carballo foron os asuntos sobre os que tiveron que improvisar antes de pasar á segunda fase, xa individual.

BASILIO BELLO

Neste caso, sacaron ao azar dunha boina un papel no que se lles indicaba a temática sobre a que debía regueifar cada un deles: alumeado de Nadal, o aniversario do Prestige, o mundial de fútbol, a lei de liberdade sexual, a intelixencia artificial ou o descenso de galegofalantes. Moita reivindicación, crítica e retranca nunha fase na que pasaron Óscar, Yéssica e Sara logo dunha «difícil» decisión por parte do xurado, como ben comentaron á hora de anunciar o veredicto: «Custounos tomar a decisión porque o fixestes moi ben», apuntaban. Logo dunha regueifa libre a tres voces Sara quedou eliminada e Óscar e Yéssica disputaron a final.

Óscar García Pombo
Óscar García Pombo BASILIO BELLO

Tanto a moza carballesa como a coristanquesa Lupe Blanco, as grandes vencedoras da noite, recibiron un trofeo, un diploma e unha rosca elaborada pola panadaría Forno Novo, para continuar coa antiga tradición que ditaba que debía entregárselle un bolo de pan aos regueifeiros. Os finalistas tamén recibiron trofeos, elaborados nun obradoiro tradicional oleiro de Buño, e cada un dos participantes de tódalas categorías foron chamados ao escenario para facerlles entrega dun diploma acreditativo pola súa implicación nesta segunda edición dos Premios Galegos da Regueifa, Festival Espalla Rimas.

BASILIO BELLO

Os RegueInfas, prometedor futuro para a improvisación oral

Estrela do Courel, Maré a Muda e Joana de Toba, da Escola Semente de Compostela, e María Luisa Carollo, Tiziana Martínez, Gabriela dos Anjos, Diego Torres e Marta Iglesias, do IES Marco do Camballón de Vila de Cruces, foron os estudantes que abriron a gala de onte coa sección RegueInfas. Exhibiron as súas dotes de improvisación e demostraron que a regueifa ten, abofé, relevo xeracional.

BASILIO BELLO

Emotiva despedida ao son de «Apaga o candil» neste 2023 no que Carballo lembra a O Xestal

Carballo ten preparados para este 2023 unha serie de actos conmemorativos polo aniversario do pasamento do humorista e cantante Carlos Díaz Gestal, alcumado O Xestal. Sendo así, non podían os Premios Galegos da Regueifa rematar doutro xeito que interpretando o coñecido Apaga o candil, peza que el popularizou. Foi un canto coral e arregueifado que liderou a flamante gañadora, Lupe Blanco, e ao que se sumou o público, os diferentes concursantes e mesmo dous membros do xurado, que non dubidaron en subir ao escenario para ofrecer acompañamento musical.