
A artista coristanquesa impúxose ao seu rival pontecesán Suso de Xornes na segunda edición do festival Espalla Rimas
08 ene 2023 . Actualizado a las 05:00 h.Mesma emoción, mesma final e, casualmente, mesmo resultado na segunda edición dos Premios Galegos da Regueifa, que se celebraron este sábado en Carballo —por iniciativa de La Voz de Galicia co apoio da Xunta, do Grupo Calvo e do Concello— e que consagraron a coristanquesa Lupe Blanco como a mellor regueifeira de Galicia. Foi logo dunha divertida e retranqueira gala na que quedou patente a supremacía de Bergantiños nesta arte de improvisación oral, pois os catro finalistas das dúas categorías da competición resultaron ser desta comarca coruñesa.
Os aplausos soaron forte no Pazo da Cultura carballés dende a primeira das intervencións, unha actuación ateigada de referencias a Carballo dos portugueses Augusto Canário e Cândido Miranda, dous dos maiores referentes do que no país veciño chaman cantigas ao desafio. Tal é a súa mestría nesta arte que se decidiu a última hora a incorporación de Canário como membro do xurado, acompañando a Manolo Maseda, Olalla Liñares, Xan Fernández Carrera e Carlos Alonso Piñeiro.
Antes de comezar co apartado competitivo subiron ao escenario mozos da escola Semente de Compostela e do instituto Marco do Camballón de Vila de Cruces para ofrecer unha exhibición e, sobre todo, deixar constancia de que si hai relevo xeracional. Na primeira proba tiveron que facer coplas empregando as palabras carballo e orballo, mentres que na segunda tiveron que incorporar a frase «no berce de Bergantiños». A terceira e última fase desta exhibición consistiu nunha regueifa por controversia na que un equipo defendía a figura de Papá Noel, e o outro, a do Apalpador.

Seguidamente, subiron ao palco os primeiros contendentes da tarde, os RegueiNovos. Nesta categoría participaron a coristanquesa Carmen María Taibo (Carmaría), a viguesa Sara Marchena, o coruñés Daniel Vilas (Chaminho), o burelense Cristian Gómez, o malpicán Óscar García e a carballesa Yéssica Nantón, que se enfrontaron por parellas abordando asuntos como os implantes de pelo ou os alugueiros turísticos, temas que lles foron asignados polo xurado. Na segunda proba, xa individual, foi o azar o que designou as temáticas de cada copla: alumeado de Nadal, o aniversario do Prestige, o mundial de fútbol, a lei do «só si é si», a intelixencia artificial ou a baixada do número de galegofalantes.
Mentres o xurado deliberaba sobre quen serían os dous finalistas desta categoría, volveron subir ao escenario os dous artistas convidados, que, meténdose na pel dos concursantes, sacaron tamén un tema ao azar sobre o que improvisaron ao son do acordeón e a guitarra. Ao remate desta actuación, sobre a inflación, anunciouse que os dous finalistas eran o malpicán Óscar García e a carballesa Yéssica Nantón, sendo esta última a vencedora.

E chegou entón a quenda dos RegueiAstros, os improvisadores máis experimentados: a coristanquesa Lupe Blanco, gañadora da primeira edición; os bergantiñáns Suso e Antonio de Xornes; os vigueses Bieito Lobariñas e Mani Braga, e O Rabelo, pontevedrés afincado en Cercedo. Prometían calidade e retranca, e cumpriron. Vaia se cumpriron!
Na primeira proba distribuíronse por parellas para defender posturas contrapostas dun tema que lles asignou o xurado, e na segunda elixiron unha temática ao azar para compoñer seis coplas ao respecto. Houbo dende criptomoedas, ata a guerra en Ucraína, o asalto ao Capitolio ou o ano Xacobeo, pasando pola intelixencia artificial ou as eleccións. Asuntos, en moitos casos, de candente actualidade que os versadores desenvolveron con mestría e soltura. Mais só dous podían chegar á final e, como xa sucedeu no 2022, foron Suso de Xornes e Lupe Blanco, que na última batalla demostraron por que son os dous mellores regueifeiros de Galicia. Un, con corenta anos de experiencia ás súas costas, e a outra, coa responsabilidade de liderar o rexurdir desta arte.

Gañou unha edición máis a coristanquesa, que, tras recibir o seu galardón de mans do secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e do director de La Voz de Galicia, Xosé Luís Vilela, apelou ao «traballo diario» para a recuperación e divulgación desta disciplina. A gala rematou cunha interpretación coral e arregueifada do popular Apaga o candil, xa que Carballo celebra neste 2023 o Ano do Xestal, en homenaxe ao finado humorista e cantante Carlos Díaz Gestal.