Cando un grupo de persoas, alá polos comezos dos anos 90, acometemos a tarefa encomendada polo alcalde Juan Bautista Santos Ramos, de poñer en valor unha actividade secular vinculada ás mulleres de Camariñas e dun conxunto de parroquias dos veciños concellos de Vimianzo, Muxía e Laxe, atopámonos toda unha morea de dificultades: desconfianza das propias palilleiras porque nunca ninguén se tomara a molestia de recoñecer o seu traballo e aquilo soaba a pura fantasía; das comercializadoras do encaixe, que pensaban que o Concello quería meterse na súa actividade económica; da política mal entendida, que negaba todo tipo de apoio económico a un goberno inimigo, e un sinfín de obstáculos para os que non daría este breve artigo se quixese reflectilos todos. Pero como en toda iniciativa que nace do sentimento identitario e de perteza a unha sociedade, todos e cada un dos obstáculos serviron para motivarnos máis e seguir persistindo na idea. Así, algo que pretendía ser un día de lecer e de recoñecemento para as mulleres que mantiveron durante séculos o encaixe como sinal de identidade de Camariñas, foi derivando nun escaparate para amosar todo o potencial deste municipio e da Costa da Morte en moitísimos outros campos. Foi un salto entre a tradición e a modernidade que moi poucas artesanías acadaron.
Como en tódalas cousas, o factor humano foi determinante, e sen a colaboración e o compromiso de persoas boas e xenerosas, non existiría a Mostra ou, cando menos, non existiría a Mostra que hoxe coñecemos. Salvador Fernandez Moreda, dende a Deputación da Coruña; Juan Fernández, dende a Consellería de Industria; Bautista Santos dándonos toda a liberdade do mundo a un grupiño de iluminados que comezabamos a andar polo tortuoso mundo da política e das relacións institucionais; e un primeiro grupo de palilleiras que desafiaron a rumoroloxía descualificadora e alí foron para facer historia e tecer con fíos a identidade e a cultura dunha sociedade descoñecida para a maior parte do mundo.
Quedan retos por acadar, pero si foi posible botar a andar un soño e unha ilusión sostida polas mans de mulleres camariñás e da Costa da Morte, nada é imposible. Os que iniciamos aquilo vemos con orgullo que, se se quere, pódese, e que os proxectos máis ambiciosos poden levarse a cabo se poñemos o interese colectivo por riba de mezquinas ambicións políticas de curto recorrido.