O abandono ao que están expostos os montes e as leiras ten consecuencias que todos coñecemos: nos lumes, nos animais, na capacidade produtiva. Herbais que volven a ser brañas, leiras que botan malas herbas, nada novo. As xeracións actuais, con excepcións, non collemos o relevo.
Hai tamén consecuencias culturais que, imaxino, non lle interesan a ninguén: desaparecen miles de nomes. A microtoponimia que tanto di dos sitios. En Coristanco, Cabana, Ponteceso ou A Laracha houbera traballos para conservalos. Polo menos quedan no papel, no dixital. Mellor, pero non é o mesmo. Durante centos de anos, as denominacións ían pasando de pais a fillos. Case todos teñen orixes cristaliños: A Gándara, A Gandariña, A Telleira, A Camposa, A Trigueira, Os Campos Sucados, As Seixas, A Milleira, O Terreo, A Carula, As Lombas, Os Mirtos, O Freixo, os Prados Longos... Nalgúns casos ascenderon de categoría ata ser topónimos grazas aos asentamentos de vivendas. Noutros, esmoreceron co tempo ou coa parcelaria. Pero a xente vella mira unha agra grande a 360 graos e ponlle nome a cada cadullo, a cada arró, a cada finca. Os que pasamos a infancia por riba delas, aínda facemos o que podemos, pero xe se van indo aquelas verbas que tanto escoitabamos de rapaces. Ir das Raneiras ao Rubeiro era un paso, pero do Prado da Calabanda aos Cotos precisaba de media hora polo menos. E así, miles, en milleiros de lugares. Foron evolucionando seguramente dende o latín, e deturpándose mesmo nas escrituras de propiedade, e forman parte da nosa identidade, cosida pouco a pouco polos tataravós dos tataravós.