Semana Santa aparte, na axenda de hoxe tamén haberá teatro, literatura ou baile social: consúltaa aquí!
29 mar 2026 . Actualizado a las 05:00 h.Aínda que nalgunhas localidades foi o Venres de Dores a xornada que marcou oficialmente o inicio da Semana Santa, será a de hoxe, Domingo de Ramos, a primeira gran celebración común á práctica totalidade de parroquias da Costa da Morte. Nalgúns casos, mesmo se adiantou á xornada de onte. Estas serán as citas máis destacadas:
Fisterra · A bendición dos ramos levarase a cabo na Praza da Constitución ás 11.15, e despois comezará a procesión da entrada a Xerusalén, que percorrerá as rúas da localidade cara á Igrexa de Santa María das Areas. Acompañará a Banda de Música Arca-O Pino e máis tarde será o coro Nosa Señora do Carme o que cante durante o oficio.
Vimianzo · Oficios conmemorativos nas parroquias de Calo e Cambeda (10.00), Castrelo (11.00) e Vimianzo (12.00), seguindo os protocolos habituais da xornada.
A artesanía volve ao castelo vimiancés
O Castelo de Vimianzo recuperou onte aos seus máis fieis moradores nesta época contemporánea: os artesáns. Ata o vindeiro 5 de abril, de 10.30 a 14.00 e de 16.00 a 20.30 horas, volverán á fortaleza soneirá disciplinas como a prata, o vidro, as maquetas de barco, a cestería, o encaixe ou o tecido do liño. Ademais, tamén onte se inaugurou a exposición Unha xoia, unha flor, con pezas de prata e vidro de Murano de Esther Ferreiro.
Muxía · A bendición de ramos levarase a cabo ás 11.30 na igrexa parroquial, e dende alí sairá a procesión en dirección ao santuario da Virxe da Barca, onde terá lugar a misa. Volverá haber oficio ás 18.00.
Carballo · Os fieis poderán levar ás 12.00 os seus ramos para bendicir no atrio do templo parroquial, dende onde partirá a procesión coa imaxe da Borriquita cara San Cristovo, onde se celebrará a eucaristía. Así mesmo, haberá oficios na igrexia parroquial ás 12.30 e ás 20.00, así como misa e bendición de ramos en A Brea (9.00), Monxas (10.00), Goiáns (10.00), Sísamo (10.30) e Ardaña (13.00).
Laxe · As parroquias de Sarces (9.00), Serantes (10.00) e Traba (11.00) terán cadansúa celebración de Ramos, aínda que a principal será na igrexa de Santa María da Atalaia, na capital municipal. Ás 12.30 haberá bendición de ramos na praza e, dende alí, procesión cara o templo e lectura da Paixón. Dentro da programación cultural, ademais, o físico e investigador Jorge Mira dará unha charla sobre o eclipse do vindeiro mes de agosto (18.00 horas).
Corme · Misa solemne e bendición de ramos ás 11.00.
Cee · Bendición de ramos na Alameda, ás 12.00, co grupo de gaitas Peta Forte. A continuación, procesión e misa cantada por Airiños de Quenxe.
Pregón de Semana Santa en Carballo
O sacerdote Jesús Bello Mato (á dereita, con José García Gondar), foi o encargado de pronunciar este ano o pregón co que deu comezo, oficialmente, a Semana Santa de Carballo. No oficio de onte, houbo tamén un recital de música sacra a cargo da Coral Polifónica de Bergantiños e outras agrupacións convidadas.
Literatura ou teatro na axenda non relixiosa
Actos litúrxicos aparte, así vén a axenda dominical na Costa da Morte:
Fisterra · O que foi padriño da última edición do certame de contos de misterio Territorio Vákner, Rodrigo Costoya, volve ao hotel literario Bela Fisterra para presentar a súa última novela, Hijos de Gael. Apuntan dende o establecemento que, polo de agora, Costoya é o único autor que xa presentou toda a súa obra no Bela. O acto será ás 13.00 horas.
Carballo · Segunda parte da dobre sesión de teatro que estaba prevista para esta fin de semana en Carballo, desta banda, para público familiar. Trátase da peza Bulebule, da compañía galega Os Náufragos Teatro. A función será no Pazo da Cultura, ás 18.00 horas.
Coristanco · Máis teatro, neste caso da man do grupo de teatro Os Seixos, de Tella, que poñerá en escena sobre as táboas da Casa da Cultura a comedia A de Moncho. Será ás 18.00.
Camelle · Confraría de Pescadores de Camelle, Mar de Fábula e Asociación Naufraxios Galegos sumarán forzas para levar a cabo unha limpeza de fondos no porto da localidade. Será hoxe ás 10.30 horas, e para completar o traballo dos mergulladores que se encargarán de retirar todo tipo de refugallo do fondo, os organizadores piden a colaboración da veciñanza para axudar na clasificación e traslado dos residuos xa en terra.
Fisterra · Baile social no Mercado Cultural, de 19.00 a 22.00 co dúo La Fábula.