Faleceu Antonio Díaz, exprofesor e presidente da entidade Pepe Valiña

X. A. CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

Antonio Díaz Amor, en Baio, nunha imaxe de archivo.
Antonio Díaz Amor, en Baio, nunha imaxe de archivo. Ana Garcia

Contribuíu a dinamizar de forma intensa a vida cultural da localidade, na que deixa un bo feixe de amigos

22 mar 2026 . Actualizado a las 01:05 h.

No eco das aulas do instituto Maximino Romero de Baio aínda persisten as leccións de Filosofía, Antropoloxía e Ética que ten impartido durante anos e anos Antonio Díaz Amor (Ribado, 1965), un profesor que contribuíu a dinamizar de forma intensa a vida cultural da localidade, na que deixa un bo feixe de amigos.

Díaz Amor, que levaba un tempo xubilado, faleceu este sábado cando estaba en presenza duns amigos en Oia. Dende o 2008 era o presidente da asociación musical Pepe Valiña, que durante moitos anos ten promovido o coro Xan Mella, fundado no 2002 polo baiés Pepe Valiña, que morreu no 2004. Durante tres lustros, a agrupación, dirixida por Tatiana Pankrátova, agora viúva de Díaz Amor, desenvolveu unha grande actividade e deu concertos en toda Galicia e incluso varios puntos da Península. Antonio e Tatiana levaron a cabo un amplo labor de formación musical na vila, ela como profesora e el como organizador de programas formativos, actuacións musicais e encontros.

De carácter afable, forxou, durante anos, unha manchea de amigos, sobre todo no ámbito cultural, e organizaba eventos lúdicos que unían a moita xente do pobo. Como profesor do instituto adoitaba participar en iniciativas extraescolares para os seus alumnos, con viaxes e outras iniciativas.

A súa versión máis creativa levouno a ser durante moito tempo colaborador de La Voz de Galicia como articulista, con textos cargados de ironía e sarcasmo nos que adoitaba repasar a actualidade da bisbarra. Sacáballe punta a sucesos e anécdotas que describía con enxeño.