Ademais da banda sonora dos palillos, haberá un completo apartado musical do 1 ao 5 de abril
22 mar 2026 . Actualizado a las 05:00 h.En Camariñas xa está máis que iniciada a conta atrás para a 35.ª edición da Mostra do Encaixe. Do 1 ao 5 de abril, unha cita coa artesanía, non cabe dúbida, mais tamén cun amplo programa paralelo de actividades, moi completo no musical. Así, ademais da banda sonora dos palillos das artesás, haberá un bo menú a gozar:
Luar na Lubre. Entre os desfiles de PequEncaixe e Grandes Firmas do mércores 1 de abril, xornada inaugural, actuará a banda Luar na Lubre, referente do folk e da tradición galega, atlántica e celta, con corenta anos nos escenarios e case vinte discos. Pouca presentación precisa na vila o grupo liderado por Bieito Romero.
Sebastián Allones Dans. É de Camelle e con só 12 anos gañou o concurso de talentos Da rúa á lúa, do programa Quen anda aí (TVG). Actuará o sábado 4 de abril, ás 12.30 logo dos desfiles de ArtEncaixe A, Grandes Firmas A e PequEncaixe. Talento local.
Encontro de corais. Será o domingo 5 de abril, xornada de peche, ás 12.15 horas. Novena edición deste encontro de corais Mostra do Encaixe, coa participación das agrupacións San Roque de Vigo, San Salvador de Pazos e Brisas do Mar de Camariñas. Xoga esta última na casa, por tanto.
Las guerreras del K-Pop. Se ten xente miúda na volta, seguramente teña escoitado falar das Guerreiras K-Pop. Todo un fenómeno que chegará a Camariñas a xeito de música e danza. Será ás 13.00 horas do domingo 5.
Antía Muíño. Compostelá con raíces en Baio e Cee, Antía Muíño é tamén talento da Costa da Morte, cantautora que está a consolidarse como unha das revelacións da canción galega. Ela actuará ás 19.30 horas do domingo 5, para clausurar esta 35.ª edición da Mostra de Camariñas.
E ademais... Tradición con Abrindo Rejo, As Cansorriñas, Con toda en banda, Golpe de mar, Mar Devalado e Vaiche boa.