Catro premios para Bergantiños no certame de Enreguéifate

La Voz CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

Versos doutro universo: velaí o lema do concurso este ano
Versos doutro universo: velaí o lema do concurso este ano .

Concorreron un total de 84 vídeos, que aspiraban aos 16 premios estipulados

20 mar 2026 . Actualizado a las 15:53 h.

A novena edición do certame de regueifas en vídeo do proxecto Enreguéifate xa ten gañadores. Varrendo para a casa, para Bergantiños, o berce da improvisación oral, poden extraerse dúas conclusións. Unha, a viveza que ten a regueifa na Costa da Morte, con catro dos 16 premios entregados. Unha cuarta pois. A segunha das deducccións, vendo que foron 84 os vídeos inscritos entre as dúas categorías —escolar e xeral—, é que a improvisación oral, nos seus distintos xéneros, tense revelado con gran capacidade de adaptación a temas diversos, de crecemento e de conexión coas novas xeracións de galegos.

Na categoría xeral, os galardóns para a comarca chegan nos apartados de regueifa máis aguda e regueifa máis diversa. No primeiro caso, para Arrieiro e Chaminho, por reguei-FIT-eiros, de Cambre e Malpica, dous habituais nos Premios Galegos da Regueifa de La Voz. No segundo, o premio irá para R5 Aeroliñas Regueifeiras, por Viaxes improvisadas: son voces da Escola de Regueifa de Carballo, que dirixe a coristanquesa Lupe Blanco.

Xa na quenda da categoría escolar, os galardóns chegan nas categorías de regueifa máis brava e de regueifa mías entroideira. No primeiro caso, os gañadores foron Os fervellasverzas, do CEIP de Nétoma-Razo (Carballo), por A mocidade anda nas verzas. No segundo venceu Faísca bergantiñá, do CPI Alcalde Xosé Pichel de Coristanco, por Duelo de entroido: Valenza vs. Rececinde. ¡Parabéns!

Como en edicións anteriores, este certame de regueifas en vídeo está impulsado polos servizos de Normalización Lingüística dos concellos de Carballo, Ames, Arzúa, Pontevedra, Santiago de Compostela e Teo. Integraron o xurado Manolo Maseda, mestre, músico e regueifeiro; Séchu Sende, mestre, escritor e regueifeiro; Laura Gil, técnica do Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Arzúa, e Conchi Cochón, técnica do Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra.

A entrega dos galardóns está programada para o xoves 16 de abril, ás 11.45, nunha gala no Teatro Principal de Pontevedra. Poden verse os vídeos premiados na web do certame ou na canle de Youtube.

Premios Categoría xeral

  • Regueifa máis brava. Regueifeiras CIOV: «Saúde e lingua!» (Vigo).
  • Regueifa máis aguda. Arrieiro e Chaminho, de Cambre e Malpica, por «reguei-FIT-eiros».
  • Regueifa máis diversa. R5 Aeroliñas Regueifeiras: «Viaxes improvisadas», da Escola de Carballo
  • Regueifa máis reivindicativa. Reporteiros regueifeiros, de Pontevedra, por «Regueifa informativa».
  • Regueifa mellor cantada. Coros Virxe da Renda e Casa Rosada: «A vida con humor», de Poio.
  • Regueifa mellor falada. Familia V. A.: «Flores e cores», de Santiago.
  • Regueifa máis inclusiva. Teiseiros regueifeiros: «O home contra a máquina», do Centro Fundación de Santa Cruz (Vigo).
  • Regueifa máis entroideira. Regueifeirxs do Entroido (Santiago).

Categoría escolar

  • Regueifa máis brava. Os fervellasverzas: «A mocidade anda nas verzas» (CEIP Nétoma-Razo)
  • Regueifa máis aguda. Astrovacas, do IES Arcebispo Xélmirez II de Santiago: «Misión onomástica».
  • Regueifa máis diversa. Lopeiros, do Lope de Vega (Vigo): «Regueifa universal».
  • Regueifa máis reivindicativa. «A regueifa é mundial», de Pois Disque Cantamos (IES de Melide).
  • Regueifa mellor cantada. «Antes ou agora?», do CPI Eusebio Lorenzo de Dodro: Regueifando en Dodro.
  • Regueifa mellor falada. «Churras, churras, churras!», de Regueifeiras da Chá (IES Basanta Silva, Vilalba).
  • Regueifa máis inclusiva. As e os regueifeiros do Quiroga: «Un día con nós», do CEIP Cardeal Quiroga (Santiago).
  • Regueifa máis entroideira. Faísca bergantiñá, do Xosé Pichel (Coristanco).