Un bo número de localidades lembraron á autora no 189.º aniversario do seu nacemento
24 feb 2026 . Actualizado a las 00:11 h.Unha lectura, un verso, un pensamento para Rosalía. En varios puntos da Costa da Morte deitaron este luns sobre a súa obra tantas miradas como aquela Rosalía moza pousou un día no mar da vila da Barca, Muxía. Rosalía de Castro está este 23 de febreiro de aniversario, faría 189 anos. Ten dende o 2023 un xardín co seu nome en Carballo e por el foron pasando este luns, e pasarán hoxe, escolares de primaria do municipio para tomaren parte en visitas guiadas promovidas dende Normalización Lingüística, dinamización musical incluída. Serán máis de 200 os pequenos.
O IES Eduardo Pondal de Ponteceso, pola súa banda, tivo representación e palabras no Día de Rosalía en Santiago, no Panteón de Galegos Ilustres. En Cabana, a Escola de Vela foi a sede da homenaxe á pioneira do Rexurdimento, recital ao que tamén se sumou o alcalde, José Muíño, ou a veciña Matilde Vilariño, cun poema de creación propia. Valeria Vigueret pintou a súa visión da poeta en directo e tamén poesía houbo con Maica Pastoriza. Música tradicional e teatro acompañaron a velada, con nutrida implicación de asociacións e degustación do tradicional caldo de gloria, preparado por mulleres de Son de Cabana. Tamén se preveu ese prato en Malpica, servido en tapas por varios locais hostaleiros, dinamizados con cantos de taberna e libros dende o Concello e a biblioteca municipal, en horario vespertino de viños.
Pola beira de Cerceda, o alumnado de primaria encheu o auditorio de versos. As de Cé, ¡virxe do Carme! ¡que cariñas tan ben feitas!: son algúns dos dedicados pola padronesa a esta vila, onde a programación na súa memoria rematará este martes cun espectáculo da narradora Marisa Irimia: Contos de brétema e luz, ás 11.00, para infantil e escolas unitarias.