Vimianzo, Muxía ou Laxe: chegan os primeiros concursos de entroido

La Voz CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

Cé Orquestra Pantasma, onte en Carballo, no arranque do entroido
Cé Orquestra Pantasma, onte en Carballo, no arranque do entroido ANA GARCIA

Sábado intenso na comarca a conta do entroido, tamén con cita clave en Valenza e outros lugares

14 feb 2026 . Actualizado a las 05:00 h.

Semella que o groso do entroido chega cunha agardada melloría de tempo. E salvo que a metereoloxía o dificulte, así se presenta a axenda deste sábado na Costa da Morte, cos primeiros dos grandes concursos e citas:

Vimianzo

Póñense a cuberto en Soneira. A maiores daqueles que se sumen á festa sen participar no concurso, no certame de hoxe en Vimianzo —é o gran día— participarán cando menos catro comparsas, dúas familias soneirás, tres grupos, catro parellas, outros tantos disfraces individuais e oito infantís. En comparsas, estarán Trubisquiña, O Cansorriño, Mocatriz e D’Jarana. Comezará a festa ás 16.00 coa concentración na Praza. De aí sairán en pasarrúas a iso das 16.30, para chegar sobre ás 17.30 ao pavillón. Pablo Reboleiro e Marta Alonso conducirán o concurso e dinamizarán a tarde con baile (20.00). Sobre as 21.00 entregaranse os galardóns: máis de 3.000 euros!

Valenza (Coristanco)

O tradicional Antruido do Burro promovido pola asociación Lourido co apoio do Concello de Coristanco botará a andar esta tarde ás 17.00 horas na Praza de Castrobó, en Valenza. Será aí cando partan en desfile gaiteiros, asociacións, veciños e os tradicionais personaxes recuperados: o burro, Xan de Valenza, a vella, os peliqueiros, os vellos varreduiros e as madamas e ghaláns. Filloas na pedra, chocolate, orellas e roscas preparadas en comunidade redondearán a cita, na que tamén se interpretará a Muiñeira Adobecida, patrimonio inmaterial asemade recuperado nos últimos tempos. Toda unha festa da identidade.

Antroido do Burro de Valenza, en Coristanco
Antroido do Burro de Valenza, en Coristanco ANA GARCÍA

Muxía

Tarde de creatividade e humor, co concurso de disfraces a partir das 18.00 no pavillón, presentado polo popular Isi. Certame infantil ás 18.30, de adultos ás 19.30, de grupos ás 20.30 e de comparsas ás 21.30. Inclúe degustación de orellas e filloas. Repártense case 2.200 euros.

Fisterra

Chegou o día do desfile de grupos e comparsas. A Tripulasión e O Rumbo servirán aires de festa xa ás 12.00, quedando para as 17.30 a reunión na zona das casas baratas, amenizada por Rapacollóns Big Band. Acompañará tamén o desfile ata a Praza da Constitución —saída ás 18.00— a charanga Mecánica BCB. Cóntase arribar á praza a iso das 19.00, e será aí cando Mariola Martínez pronucie pregón. Rapacollóns de novo e discoteca CDC, ás 23.30 no porto e da man da SD Fisterra, pecharán a velada.

Malpica

En Cerqueda, con Raigañas, festa de disfraces infantil ás 11.00, nas Pozacas. En Malpica, ás 13.30 e da man de Malante, sesión vermú con Judith Cundíns. Logo, cocido e desfile con música polas rúas de 18.00 a 00.00. Os pubs Fío Negro, Leño, Prisma, Submarino e O Varadero promoverán de noite un concurso de comparsas e disfraces.

A Milagrosa (Carballo)

Terceiro Renacemento do Chorón coa comisión de festas da Milagrosa, na rúa José María Castroviejo —ou Corredoira da Asturiana—. Sesión vermú con Impacto, DJ Bermúdez e O Tren da Unha dende as 13.00. De 16.00 a 02.00, Impacto, Bermúdez, Nyan Boe e DJ Frankestone. A procesión do Chorón, momento central, está logo prevista para as 18.00 horas.

Camariñas

Dúas citas, unha na Ponte do Porto, no campo do Allo, con comida de balde dende as 18.00, da man da Asociación de Mulleres Rurais Os Ventos. A outra será coa comisión de Camelle, un cocido e cea baile, no Campo do Santo, que prolongará a festa ata a madrugada.

ANA GARCIA

Laxe

O Laxentroido bota a andar hoxe ás 17.30 co desfile de entroido e comparsas que inaugurará Don Caietano. Animan Batucada de Mareas Vivas, Maruxía e grupo Catasol. Ás 18.30 comezará a festa no polideportivo, con inchables, bailes, música, filloa, chocolatada e máis. Haberá premios para comparsas de 250, 150 e 100 euros, a investir nos negocios locais. A tarde de hoxe será a primeira intensa no entroido deseñado dende o consistorio de Laxe. Sairá o Caietano e sairán comparsas e grupos musicais, agrupacións que cando menos en dous casos terán causa fonda. Por un lado, a comparsa en apoio a Palestina, que andará na rúa dende as 18.00 horas, con careta branca e, por outro, xa dende as 17.30, outra da Plataforma contra mina de Coéns, chamada de atención a Cavisa e a Concello.

Baio

Festa de entroido no polideportivo baiés, a primera das paradas do entroido zasense. Inchables, maquillaxe, xogos e actuacións de Asacocirco e DJ Rokiño, todo das 17.00 en adiante. Cantina a favor do alumnado de cuarto da ESO.

E ADEMAIS... 

Outras citas de entroido complementan todo o exposto á esquerda, mais tamén hai propostas fóra do carnaval:

Inauguración de exposición en Cee. Luz de outono na Costa da Morte, fotografías de Enrique García (80 anos). Ás 12.00 na Casa da Cultura. García é historia viva da fotografía en Cee e na Costa da Morte. Unha cita coa arte.

Montoya, na sala Soco de Vimianzo. O popular concursante, esta noite en Soneira.

Festa do Entroido en Corcubión. Ás 18.00 na praza ou, de chover, na Capela do Pilar. Coa charanga Santa Compaña e coa churrería Melody.

Festa dos follados en Corme. Cuarta edición, organizada por Petón da Ghaivota. Sesión vermú con D’Vicio e degustación de larpeiradas. Desfile de disfraces ás 17.30 e verbena con D’Vicio, Warce e discoteca móvil Impacto.

Cocidos de Xoane e Entrecruces. O primeiro, ás 14.00 horas no Punta del Este. O segundo, xa con sesión vermú dende as 13.00, no Campo da Festa. Ambos, en Carballo.

Cerceda Fashion Week. E con chiscadela a un xigante da moda. Promove Lucerna. Hoxe é día de saída do choqueiro.

Carnaval en Anos e Canduas. «Un bico entre máscaras» é a proposta da asociación San Esteban de Anos, cun gran baile de disfraces das 17.00 en adiante, ademais de gastronomía. En Canduas, na Casa Cultural, a festa botará a andar ás 18.00 e seguirá cun baile ben especial e ambientado a partir das 22.00.

Antroido de Fornelos-Baio. Organiza A Fonte, no local veciñal dende as 14.00 horas. Gastronomía, parodias, sorteos, música en directo con La Fábula... Require inscrición.

Case 600 persoas inscritas xa no concurso de entroido de Carballo 

Concluído este mércores o prazo de inscrición para comparsas e carrozas, son xa case 600 as persoas inscritas no Concurso de Entroido de Carballo, que será este domingo 15 de febreiro (18.00 horas). É unha cifra que aumentará, dado que grupos, parellas e entroideiros individuais aínda se poderán anotar antes do desfile, no Concello. Oito carrozas con case 350 persoas, e dez comparsas, con máis de 220: velaí as cifras iniciais. Presentará o certame Lupe Blanco, regueifeira, e a organización mantén en principio todas as previsións, con percorrido pola rúa e posteriores exhibicións. MeteoGalicia fala dunha tarde húmida, con choiva intermitente e vento que non será impedimento. Aínda así, dende Carballo recomendan tomar medidas: uso de chuvasqueiros, paraugas e roupa axeitada, así como seguridade, protección e elementos das carrozas moi ben asegurados.