Tiven o pracer ou desventura de viaxar en tren dende Santiago hai unhas semanas. Foi unha viaxe con interferencias, paradas, tramos accidentados e a sombra do acontecido en Adamuz. Comentarios e reticencias que emanaban dos viaxeiros. Inverosimilmente queremos promocionarnos como un país referente no eido ferroviario e é case tarefa de risco levantarse e camiñar polo vagón para tomar un café. Países como Suíza ou China lévannos unha vantaxe abrumadora, os viaxeiros poden pór ata unha moeda de canto e mantense. Proben vostedes a facelo nun tren de alta velocidade galego.
Toca demostrar que somos capaces de inaugurar co peito enchido tramos e tamén afirmar coa mesma enteireza que podemos mantelos. De pouco vale ter un coche de alta gama, se o dono é incapaz de cambiarlle o aceite ou mudar as rodas. Con isto, pasa igual. Coa seguridade das persoas non se xoga, demasiadas vidas que transitan polas estacións por asuntos de familia, ocio ou traballo. Feixes de historias persoais que quedan truncadas pola fatalidade.
A miúdo, coma en Angrois, son historias inconclusas que camiñan ca certeza de que a xustiza nunca é total e xamais reparadora. Para as familias das vítimas non hai consolo, nin palabras aparentes que fagan calmar a dor. A saber a onde se destinan os cartos da UE, os fondos para o mantemento e prevención. Detrás, empresas pantasma, desvío de diñeiro e coma sempre, en España, prevaricación e corrupción. Esas palabras que xa asemellan manidas despois de tanto usalas en tantas áreas.
Coma sempre o pastel lévano só uns poucos e só quedan as sobras, que non dan para reparar as vías sen poñer soldadura sobre soldadura vella.