O documental «Ao son da nova regueifa», finalista nos Premios Mestre Mateo
CARBALLO
A improvisación oral segue a conquistar espazos. Con ela, na raíz, toda a forza desta arte popular en Bergantiños
04 feb 2026 . Actualizado a las 15:56 h.Os tempos son chegados para a regueifa, arte popular de improvisación oral que, se ben anos atrás estivo case a piques de apagarse, agora arde con forza ao longo e ancho da comunidade galega. Entrou nas escolas, chegou aos auditorios deixando cheos como os vistos nos Premios Galegos da Regueifa de Carballo, estudouse en formato en documental e este venres 6 de febreiro chegará tamén ao teatro, coa estrea da obra Territorio Regueifa, na capital de Bergantiños. Boas novas todas elas, ás que sumar o feito de que precisamente o documental Ao son da nova regueifa teña sido elixido finalista para os XXIV Premios Mestre Mateo.
A Academia Galega do Audiovisual deu a coñecer este martes as candidaturas da vixésimo cuarta edición, e velaí está presente este traballo, da produtora Undodez. Concorre na categoría de mellor documental. Dirixido por Saúl Rivas e Manolo Maseda, o filme percorre o presente da improvisación oral en Galicia, poñendo o foco nas persoas que mantiveron viva esta tradición (aí toca moito a raíz en Bergantiños) e tamén nas novas xeracións que a están expandindo e adaptando aos novos tempos. Será esta unha edición especialmente concorrida dos Mestre Mateo, con máis de 180 producións inscritas. A gala dos galardóns celebrase o 21 de marzo en Lugo, toda unha festa do audiovisual que presentarán os actores Trisha Fernández e Federico Pérez. Antes de nós, Sirât e As liñas descontinuas lideran as candidaturas dos galardóns no apartado de cine, copando ata corenta apartados entre os tres filmes.
«Cando se traballa en colectivo e se constrúe desde a xenerosidade que conleva a complicidade, aparecen sorpresas coma esta no camiño», valorou Maseda sobre a nominación do documental, extendendo os parabéns a todo o equipo. «Que se fale de regueifa nos Premios Mestre Mateo é unha alegría», engade. Ferramenta de construción, interxeracional, un soño feito realidade. Traslada Maseda o agradecemento «a toda a xente de Undodez», pola profesionalidade, amor e respecto polo proxecto. Quen queira ver o filme, ten unha data próxima: 21 de febreiro, en Santiago de Compostela.