Unha máis para a primeira autónoma da regueifa: Lupe Blanco, gañadora do EspallaRimas
CARBALLO
Nunha igualada votación popular, a coristanquesa Lupe Blanco sumou un novo triunfo nos Premios Galegos da Regueifa, celebrados onte en Carballo por iniciativa de La Voz de Galicia
12 ene 2026 . Actualizado a las 00:23 h.«A calidade desta noite a nivel de discurso e de musicalidade é incrible», dicían onte dende o xurado cando era hora de decidir que tres participantes dos Premios Galegos da Regueifa debían pasar á semifinal do certame, que é promovido por La Voz de Galicia co apoio de Xunta, Nauterra e Concello de Carballo.
A noite de onte serviu para render tributo a quen abriu camiño, para recoñecer aos que deron conta da tradición nas súas horas baixas, para mirar con ilusión o brillante futuro que vén por diante e, por enriba de todo, para certificar a hexemonía de Bergantiños nesta arte popular de improvisación oral. Cinco edicións, cinco finais bergantiñás e cinco vencedores desta comarca. Catro deles, personificados na figura desa coristanquesa que se define a si mesma como a primeira autónoma da regueifa en Galicia: Lupe Blanco. De tódalas edicións que se teñen celebrado até o de agora, dende o 2022, só cedeu a coroa nunha soa ocasión: o ano pasado, contra Suso de Xornes. Desta banda, o mestre non puido coa aprendiz e o público, que volveu ter a última palabra, decantouse pola coristanquesa nunha axustadísima votación final.
Dos 14 improvisadores que participaron no apartado competitivo, a metade eran de Bergantiños. Unha presenza que se foi facendo máis notoria conforme foron avanzando as eliminatorias, pois chegada a antepenúltima quenda, dos seis regueifeiros que quedaban, catro eran da bisbarra: a propia Lupe, a veterana dupla formada por Suso e Antonio de Xornes e a carballesa-coristanquesa-cabanesa Yéssica Nantón, que aproveitou a recollida de diplomas para facer un alegato (en verso, por suposto), polos que estiveron «antes ca nós», dixo. Persoas como Guillermo da Rabadeira ou José de Severo.
A mecánica do concurso foi moi semellante á desenvolvida en anteriores edicións. De novo presentado pola xornalista Patricia Blanco e polo locutor Fran Rodríguez, o acto comezou cunha exhibición de dúas escolas de regueifa e, seguidamente, os concursantes foron repartidos por parellas para comezar a improvisar sobre temas que eran elixidos ao azar polo xurado. Un xurado que estivo composto por Manolo Maseda e Olalla Liñares, docentes e activistas da regueifa; Xosé María Varela, presidente da Fundación Eduardo Pondal; Domingo Blanco, estudoso da oralidade, e Ana Casais, técnica de Cultura do Concello de Dumbría.
De catorce, pasaron dez á seguinte fase, na que tiveron que volver improvisar por parellas. Seguidamente, pasaron a ser seis, e de seis, a tres. Padronés de 23 anos e futuro docente, Xairo d'Herbón, que participaba por vez primeira no certame, foi unha das grandes sorpresas da noite. É fillo do tamén regueifeiro Pinto d'Herbón e, pese a tocarlle improvisar con ósos duros como Lupe Blanco, Kike Estévez e Antonio de Xornes, logrou alcanzar a semifinal e levou unha das maiores ovacións da noite coa súa retranca afiada e aguda.
Non hai EspallaRimas sen que lle caia algunha copla ás autoridades presentes. Cantaron Lupe e Suso sobre a boa sintonía dos alcaldes de A Laracha e Carballo pese a pertenceren a partidos políticos diferentes, sobre a xubilación de Evencio Ferrero e a entrada de Daniel Pérez ou sobre a presenza, un ano máis, do secretario da Lingua. Na sala, tamén presentes, o rexedor de Laxe e varias concelleiras de Carballo.
Dende a rexión portuguesa do Minho chegou a improvisadora Liliana Oliveiro, que ofreceu varias actuacións musicais ao longo da noite na compaña de Simão Marques. Nun dos instantes nos que o xurado se retirou deliberar, Liliana reflexionou sobre as similitudes entre a regueifa e a desgarrada portuguesa, asegurando que ambas atravesan na actualidade un momento de esplendor logo de anos de decaemento. Tamén falou da unión entre ambas rexións e confesou sentir ledicia porque estas artes da oralidade teñan presenza agora en palcos como o do Pazo carballés. Tanto Liliana como Simão sumáronse despois á festa posterior cos demais regueifeiros.
O futuro, garantido: «Esta xente é a que vén detrás, e hai que seguir apoiándoa»
Roi Souto e Xoel Maneiro, da Escola Semente de Compostela, e Leo Salgado, Candela Alvarellos, Sabela Nieto, Marité García, Amalia Rodríguez, Xan Nieto, Pedro Fernández, Celtia Vázquez, Gael Ferreiro e María Bello, da Escola da Regueifa de Carballo, abriron a gala cunha exhibición de improvisación. «Esta xente é a que vén detrás, así que hai que seguir apoiándoa», dixo Lupe Blanco, directora da escola carballesa, cando xa tódolos alumnos lanzaran cadansúa copla de presentación e participaran nun exercicio de improvisación coas palabras «verdade» e «igualdade». Isto último fixérono ao son desa melodía que Milladoiro recuperou da muxiá Eva Castiñeira, homenaxeada nas últimas Letras Galegas, e que Pinto d'Herbón popularizou entre os regueifeiros.
Talento chegado dende Burela, Vigo, Vila de Cruces, Padrón e, por suposto, terras bergantiñás
Nuria Penas (Vila de Cruces), Cristian Gómez (Burela), Mani Braga (Vigo), Xairo de Herbón (Padrón), Alba María (Vigo), Alberto Liñares (Sofán), Kike Estévez (Vigo), Carme de Lonxe (A Coruña), Óscar García (Malpica), Bieito Lobariñas (Gondomar), Yéssica Nantón (Bergantiños), Lupe Blanco (Coristanco) e Suso e Antonio de Xornes (Ponteceso) foron os catorce participantes da quinta edición dos Premios Galegos da Regueifa, unha cifra de participación que supera á dos anos anteriores. Unha imaxe «histórica» para esta arte de improvisación oral, comentaba Fran Rodríguez durante a gala.
Turrón duro contra brando, produto de terra ou de mar, intelixencia artificial, plantar a horta para abaratar o custo da compra, a infame baliza v16, o apagón eléctrico do pasado mes de abril, os destinos para irse de viaxe de noivos, a contratación dos festexos do pobo, o Gordo de Villamanín, o nudismo nas praias, o conflito de Palestina, os delirios imperialistas de Trump ou as redes sociais foron algúns dos moitos temas sobre os que, de xeito totalmente aleatorios, lles tocou regueifar: primeiro, por parellas, e xa na penúltima fase, de xeito individual.
Pese á complexidade da tarefa encomendada, namoraron a un público que en numerosas ocasións estourou en gargalladas «A cousa máis bonita que pode pasar, aparte de que estea aquí toda esta rapazada, é ver un auditorio cheo por quinto ano», reflexionou Lupe ao finalizar o evento.
«Ao son da nova regueifa», unha estrea de aperitivo
Os Premios Galegos da Regueifa tiveron un aperitivo: a estrea do documental Ao son da nova regueifa, un traballo de Undodez dirixido por Manolo Maseda e Saúl Rivas. Precisamente, o primeiro deles participou no acto, que se celebrou na biblioteca Rego da Balsa de Carballo, coa presenza do alcalde, Daniel Pérez, e do delegado de La Voz de Galicia, Xosé Ameixeiras.
Manolo Maseda expresou que onte era un día moi importante. Amosouse ilusionado co resultado do traballo e anunciou que están previstas unhas 60 proxeccións. O documental fai un percorrido polo mundo da improvisación oral de Galicia partindo dos últimos grandes regueifeiros de Bergantiños, o traballo feito pola asociación Oral de Galicia e amosa as novas fornadas que xa practican esta arte.
O alcalde amosou o seu apoio a todos os que traballan pola regueifa, que cualificou como un selo de identidade. Mentres que o delegado de La Voz expresou o seu desexo de que esta modalidade de improvisación poida chegar ao ensino regrado. Ao final, Lupe Blanco, Suso de Xornes e outros regueifeiros botáronlle unhas coplas.