José L. Prieto: «Descubrín un mundo fantástico, e moi actual, na regueifa»

P. BLANCO / F. RODRÍGUEZ CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

José L. Prieto, director teatral, onte no auditorio do Pazo de Carballo
José L. Prieto, director teatral, onte no auditorio do Pazo de Carballo ANA GARCÍA

Gentes del Finis Terrae | O naronés, con amplísima traxectoria, dirixe a obra «Territorio Regueifa», que ao fin se estreará este venres en Carballo

04 feb 2026 . Actualizado a las 12:50 h.

Xaneiro trouxo moita regueifa con motivo dos Premios Galegos e febreiro traeraa tamén. Esta semana, máis aínda. Achégase a estrea da obra de teatro Territorio Regueifa. Non puido ser no Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT), por causas de forza maior —unha cuestión de saúde e recuperación—, pero agora si: este venres 6 de febreiro ás 21.00 horas no Pazo da Cultura de Carballo. Entradas á venda en ataquilla.com. Xa teñen falado nestas páxinas algúns dos seus actores —Lupe Blanco, Manolo Maseda e Josinho da Teixeira—, mais onte foi a quenda de coñecer a perspectiva do autor e director, José L. Prieto (Narón, 1967). Falou o dramaturgo en Radio Voz:

—Desta vai!

—Esperemos! A outra vez estabamos a só tres días...! [ri].

—Como se viven estas horas?

—Cando vas cara unha estrea, o propio corpo xa vai xerando adrenalina. Tiñámola daquela, hai cousa de catro meses, e estámola tendo agora tamén. Así que vivimos esa sensación dúas veces polo prezo dunha. Non está nada mal! Penso que temos algo divertido que amosarlle á xente.

—Como lle chegou e que lle pareceu a proposta de levar a regueifa a un texto e obra teatral?

—Recibín proposta de Ainé [coproduce xunto co Centro Dramático e o FIOT carballés], e en verdade eu descoñecía case todo deste mundo. Tíñalle á regueifa esa etiqueta que precisamente quere eliminar esta obra. Como algo de vellos, quizais. Dixen que si rapidamente, porque me encanta que me chamen para cousas que non manexo. Comecei a investigar e descubrín un mundo fantástico que nada tiña que ver con esa etiqueta. É algo moi actual. Aproveitando xusto ese meu descoñecemento, intentamos que o público que non coñeza a regueifa faga ese mesmo descubrimento que fun facendo eu. E se acaban coa miña mesma ilusión, tan apaixonado e tan fan de todo isto, pois mira, perfecto!

—Nunca en tal se vira!

—Certo, certo, e iso está moi ben. Nin a eles [os propios actores] os coñecía. Si escoitara falar de Lupe polos seus premios, e o certo é que me gañaron totalmente.

—O reto non é menor, aínda que soe algo poético: facer de algo efémero, como son as coplas e a improvisación oral, algo que dalgún xeito permanece.

—É curioso. Territorio Regueifa ten dúas partes. Hai, digamos, esa primeira parte didáctica, histórica e tamén de humor, que eu escribín e na que mesmo imaxinamos como foi a primeira regueifa que houbo. Os propios actores aportaron todo o seu coñecemento. Na segunda parte, quedan ceibos [ri] e soltan todo o que teñen que soltar. Aí están xa moi cómodos, é o espírito da regueifa!

Os ensaios ultímanse no Pazo da Cultura carballés, onde será a estrea
Os ensaios ultímanse no Pazo da Cultura carballés, onde será a estrea ANA GARCÍA

—Hai de fondo un proceso de dignificacion e de reivindicación. Será, seguramente, a primeira vez que alguén vaia pagar unha entrada para escoitar regueifa.

—Niso se incidiu nas primeiras reunións que tivemos, e na importancia de reactualizar a regueifa. Máis alá desta obra, están traballando moito nese sentido, hai xa unha xeración de mozos e mozas regueifando por todas partes. Esa revitalización que tiñan na mente estana conseguindo claramente, e esta é unha parte máis. Revolucionan este mundiño con moita ilusión, e é de recoñecer, en verdade é unha arte divertidísima e irrepetible. Iso si que non se pode replicar con IA!

—Falamos dunha función divertida, pero con mensaxe.

—Esa é a idea. Queremos que a xente o pase ben, pero tamén que inicie ese camiño de entender de onde vén a regueifa e todo o que conleva, entender tamén como está conectada co mundo. Os improvisadores non menten, non poden, non lles dá tempo: tamén diso falamos nunha das partes. A regueifa non deixa de ser a expresión do que pensa esa persoa e, por ende, do que pensa a sociedade. O que pensa interiormente, o que sae para fóra, é moi interesante incluso filosoficamente.

—O regueifeiro ten algo de actor, pero non son actores ao uso. De feito, cústalles máis tendo guión. Como foi o traballo neste senso?

—Era a parte que máis lles asustaba. Os actores o que queren é agarrarse a algo, pero no seu caso era ao contrario, o novo para eles era ter guión. Aínda así, o que vin nos tres é unha capacidade marabillosa para disfrutar de cada cousa, querer aprender e pasalo ben. A súa ledicia...

—Estrean en Carballo, berce da regueifa. O listón está alto.

—E do teatro tamén! Xúntanse as dúas cousas. Pero, de elixir, elixir un público así, un interlocutor que saiba, que poida apreciar o que facemos e que, de non facelo de todo ben, tamén nolo digan. Iremos logo por Galicia adiante, non haberá problema para ver a obra.