Alana festexerá en comunidade a estrea do seu novo disco, «Un saber»

La Voz CARBALLO/ LA VOZ

CARBALLO

Imaxe de cara á presentación do novo traballo
Imaxe de cara á presentación do novo traballo .

Garden a data: 18 de abril, na sala Capitol de Santiago, con entradas á venda en liña xa dende o 6 de febreiro

30 ene 2026 . Actualizado a las 16:32 h.

Foi avanzado xa neste medio como unha das xoias musicais que traerá o 2026 e, en efecto, xa se coñecen novos datos de «Un saber», o novo disco da banda Alana: son Antía Vázquez (voz e pandeireta, de Oleiros), Eloy Vidal (teclados, guitarra e voz, de Corme) e Pablo Castro (percusión e gaita, de Vimianzo). A estrea do traballo será o 18 de abril, na sala Capitol de Santiago, con apertura de portas ás 20.30 horas. As entradas estará á venda xa dende este 6 de febreiro, na páxina www.salacapitol.com, cun prezo de15 euros máis gastos de xestión. Avanza a agrupación que será unha celebración «en comunidade», con artistas e amigos convidados e «unha nova posta en escena». Será, tamén, o arranque da xira de presentación. 

Trasladan sobre o disco: «Un saber plantéxase como unha evolución intimista que conserva a esencia que define a Alana: música tradicional con ritmos de base electrónica e pop, sempre fieis ao motivo principal que os levou a xuntarse para facer música, as recollidas. Unha maneira de entender a vida e que fan posible moitas mulleres que, desinteresadamente, contribúen a preservar a riqueza da música e da tradición. O nome de Un saber responde á necesidade de reivindicar o saber das mulleres dentro da música tradicional, xa que, aínda que en moitos casos elas non o viran desa forma, ese saber constitúe un dos piares fundamentais da nosa cultura e identidade». Ten Alana unha forma ben persoal de entender a tradición, e nela segue afondando neste traballo, evolución para a banda, «proxecto ambicioso feito con mimo e respecto», din.