Fillas de Cassandra, The Rapants, Tanxugueiras, 9Louro, Carlangas, Rebeliom do Inframundo ou Antía Muíño ultiman os seus lanzamentos
30 ene 2026 . Actualizado a las 16:03 h.Ata non hai moito, xaneiro era practicamente un mes inhábil para lanzamentos musicais. Pero a realidade cambiou dabondo. Levamos pouco máis de 20 días deste 2026 e xa temos os novos discos de Familia Caamagno e de Ronroneo, o álbum de remixes de Baiuca, o disco de debut de Carballo, a primeira canción de Maneiro tras deixar Heredeiros ou novos sinxelos de Filloas, Rebeliom do Inframundo, A Banda da Loba ou Lumedoloop, por citar só algúns.
E isto non é máis que un leve anticipo do que está por vir. Nos vindeiros meses, varios dos artistas máis relevantes da escena musical galega presentarán os seus novos e agardados traballos.
É o caso de The Rapants, que na primeira semana de marzo publicarán Rapants Club, un disco que presentarán no Multiusos do Sar o 28 dese mes, concerto para o que venderon 4.000 entradas nun só día. «Titulámolo Rapants Club porque se non fose por toda esa xente que escoita a nosa música, que merca as entradas dos nosos concertos e o merchandising, que vén aos festivais a primeira fila e que estiveron aí dende o primeiro momento, nunca teriamos chegado a onde agora estamos. Por iso nós cremos que non somos só unha banda de música, senón que somos un club no que participa moita máis xente», explica Xanma Louro, guitarrista e cantante do cuarteto de Muros. Este domingo 25, The Rapants publicarán o primeiro adianto dese disco, Non sei como, un sinxelo que mestura bases disco e instrumentos rock con electrónica, e no que colabora Joe Crepúsculo.
En abril coñeceremos o segundo álbum de Fillas de Cassandra. Tertúlia será o seu título. «Tertúlia é un proxecto que sobrevoa o risco, onde buscamos explorar sen límite todas as inquedanzas tanto temáticas como sonoras que nos atravesan. Un disco que se vive como unha praza aberta, como un lugar de reunión, conflito e festexo», comentan María SOA e Sara Faro. O 30 de xaneiro sairá Saír á fresca, o primeiro sinxelo deste traballo.
Tanxugueiras cumpren no 2026 o seu décimo aniversario como formación. «Dez anos de empatía, de tradición, de cultura, de vivencias incribles e de aprendizaxes», comenta Olaia Maneiro, quen adianta que están traballando «en algo moi especial» para celebrar un ano que cualifican como «clave» para o trío. «Unha nova etapa creativa, cun equipo novo. Unha etapa moi produtiva e moi catártica». Este 2026, engade Olaia Maneiro, «ábrenos novas portas. Vimos dun receso longo porque sentimos que era necesario parar e poder mirar o que hai dentro de cada unha de nós para poder presentar algo real, que é o que somos. Estamos moi contentas e máis unidas que nunca». A mediados de decembro, Tanxugueiras publicaron As que nunca cantaron, a canción orixinal da película Rondallas. «Non queremos contar moito pero ese tema funciona como unha primeira pista de por onde vai ir o noso son».
Un dos discos máis agardados é o de 9Louro, un rapaz de 21 anos chamado a ser o gran referente da nova xeración de músicos galegos. O seu segundo álbum sairá o 18 de febreiro co título A morrer. «O nome que ten que ver coa miña decisión de intentar vivir só da música», explica. De novo, todos os temas están producidos, mesturados e masterizados por Yuly.
]]
«Ao igual que no primeiro disco, quixen manter o de que cada canción sexa un mundo diferente. Hai salsa, hai bachata, hai mambo, hai trap, hai temas sentimentais só a piano... A miña intención é que sexa un disco para todos os públicos e que cada quen atope nel o tema que lle guste», comenta Martín Louro, quen presentará A morrer en directo no mes de marzo.
O selo Raso Estudio, que dirixe Alan Queipo, ten previstos varios lanzamentos de artistas galegos no primeiro semestre do ano. Entre eles, o novo disco de Carlangas (10 de abril), do que xa coñecemos un primeiro adianto gravado coa colaboración de Leiva.
Unha semana despois, o día 17, sairá X, o disco co que Boyanka Kostova conmemora o seu décimo aniversario como formación. O 27 de marzo poderemos escoitar Voy a pensar en ti, o disco que reúne a Mariagrep e Mundo Prestigio en clave de dreampop tan intimista como expansivo.
Pero, sen dúbida, un dos discos de Raso que máis expectativas esperta é o segundo de Antía Muíño, Anfibia por veces, que sairá o 20 de febreiro e que se presentará en directo no Teatro Principal de Compostela o 5 de marzo.Un disco que reflexiona sobre temas como a identidade, o amor, a procura dunha mesma ou sentimento de pertenza e no que conta con varias colaboracións, como a xa adiantada con Lilaina.
«Vai ser de novo un disco ecléctico», comenta Antía Muíño. «Pero penso que vai sorprender porque nel explorei novas sonoridades. Eu sempre tendín a traballar cun son máis naturalista e neste disco, o produtor, Hevi, sacou as cancións dese espectro máis cancionista para levalas a outro punto. Quixemos escapar dos clixés tanto estéticos como sonoros que pode ter a canción de autor ou o folk».
Hai un par de semanas coñecemos o primeiro tema do novo disco de Zavala, Corvo negro, unha rotunda e arrebatadora canción que lle dá unha volta total ao seu son, levándoo a un universo de guitarras intensas,ao que asoman evocacións de El Columpio Asesino e León Benvante. Lume, que así se titulará o álbum, que seguirá a liña dese primeiro adianto, chegará en marzo da man de Ferror Records.
O selo ferrolán tamén publicará o 30 de xaneiro Caimán, un novo disco dos veteranos O Caimán do Río Tea, cheo de referencias ao rock clásico como deian entrever en Trosky, no primeiro sinxelo dese traballo que hoxe mesmo entregan. O catálogo do selo ferrolán enriquecerase en abril cun novo álbum de Chicharrón, Temporal, así como co agardado disco de MoOoM, o proxecto da galega afincada en Barcelona Ciara Cabodevila, que levará por título Atlántica.
O 27 de febreiro, un día no que coinciden varios lanzamentos, é tamén o día escollido por Rebeliom do Inframundo para dar a coñecer Orgulho, un disco que xira en torno a ese concepto. «A nivel sonoro ten pouco que ver con Amor ou barbarie. Non deixa de ser rap, pero introducimos elementos como as cantigas populares ou as pandeiretas nalgúns instrumentais», adianta Nervo, vocalista da banda. «É un disco de 12 temas (entre eles algúns xa adiantados como Sube e Balas) pero que se escoita dun tirón porque está concibido como unha viaxe sonora», engade.
Tamén da man de Galunk, chegará o novo epé de Arrhythmia (marzo), un novo traballo de Law (abril) e, xa despois do verán, outro disco no que hai postas moitas expectativas, o de Nadie González, con produción de Peter Petrowsky.
Expectativas que comparte o ansiado novo álbum de Eris Mackenzie, que basculará, como no seu anterior traballo, entre o tradicional e a electrónica, e do que teremos un primeiro adianto en marzo.
Moito interese hai tamén en coñecer o primeiro disco de O Xoán, o proxecto de Xoán Fórneas que tanto chamou a atención co seu primeiro adianto. Así como outro disco de debut que pode ser unha das grandes sorpresas do ano, o de Peitoescuro. Tamén debutan cun primeiro disco longo Vimbio, a banda de metal que lidera Álex Arnoso. Titularase Seres de luz e poderemos escoitalo xa o 30 de xaneiro.
Alana tamén estrearán disco, o que está chamado a reafirmalos como un dos proxectos máis interesantes e persiais do neotradi galego. Presentarano en directo o 18 de abril na Capitol. Nesa mesma sala, o 22 de marzo, farán o propio outros que apuntan a revelación, Unto Vello, cun álbum producido por Hevi.
Jinetes del Trópico publicarán en febreiro un disco en dúas entregas. A calor é un dereito é o seu título. E tamén en febreiro podermos escoitar Re(existencia), o disco de debut de Lumedooop, o proxecto formado por Jamas e Møu (de Dios ke Te Crew) xunto a DJ Mil que entende o hip hop como ferramenta de expresión e transformación. Máis lanzamentos de febreiro, o venres 13 teremos o segundo traballo de Sun Iou, banda viguesa que con oito músicos en escena auna tradición popular, punk-rock e electrónica desde unha ollada contemporánea, combativa e feminina. O álbum titularase Egos e presentarse en directo o 21 dese mesmo mes na sala Rebullón, en Mos.
Esta mesma semana poidemos escoitar Taste, o primeiro adianto do que será o novo disco longo de hydn, unha canción na que a artista recupera o galenglish que utilizou nas súas primeira entregas, afástase do urbano e dialoga aberta e certeiramente cos códigos do pop internacional contemporáneo.
Outros discos que coñeceremos nos vindeiros meses é o novo de High Paw, con cambio de formación e de rexistro, e o de debut de Traspielas, o novo proxecto de Su Garrido Pombo, no que reinterpreta doce pezas tradicionais escoitadas e cantadas pola xente da súa aldea durante xeracións. Ao longo do primeiros semestre deste 2026 tamén chegarán novos traballos de Néboa, Ukestra do Medio ou Abril, entre otros, corroborando o fértil momento que vive a escena musical galega en canto a produción e creatividade. Queda agora pendente que chegue o día no que todo isto teña tamén o seu xusto e merecido reflexo no ámbito do directo: nos palcos, nos torreiros, nas salas e nos festivais.