Canteira, «e da boa!», para a regueifa e o baile

La Voz CARBALLO/ LA VOZ

CARBALLO

Alumnado anfitrión do IES Pedra da Aguia de Camariñas, coa docente Carme Fernández e a regueifeira Lupe Blanco
Alumnado anfitrión do IES Pedra da Aguia de Camariñas, coa docente Carme Fernández e a regueifeira Lupe Blanco BASILIO BELLO

Intensa xornada a deste mércores no IES Pedra da Aguia da Ponte do Porto, punto de encontro e alento para a lingua e para o futuro coa Liga Escolar de Regueifa e o Encontro Bergantiñán 

29 ene 2026 . Actualizado a las 20:01 h.

«Haivos canteira na Costa da Morte... e da boa!», conclúen dende o instituto Pedra da Aguia de A Ponte do Porto, Camariñas, sede este mércores da xornada de ida da segunda Liga Escolar de Regueifa e do Encontro Bergantiñán. «Expresións ancestrais da nosa cultura con torgos actuais e modernos acenos»: ben se pode resumir así unha xornada na que o alumnado anfitrión recibiu a un cento de mozos de Bergantiños para, xuntos, «dar forza á tradición viva da música, a palabra e o baile galegos». Cabana co Monte Branco, Camariñas co Vilán, aquí estamos os mellores na arte de regueifar // Aquí xa chegou Carballo, ao insti de Camariñas; o mundo vai conquistare a Costa da Morte unida!. Con coplas coma estas entraron os rapaces no Pedra da Aguia para tomar parte dun encontro que conduciu a regueifeira coristanquesa Lupe Blanco e que valoran como «todo un éxito», pola participación dos presentes e polo seu entusiasmo na versificación, no baile, no canto e na pandeireta. Unha sintonía «campal». Houbo xogos de improvisación e desafío, e houbo baile, con alumnado e profesorado acompasados na peza Muiñeira de Sofán.

Tal foi o bo facer do alumnado que, estando previsto elixir tres finalistas de cada centro nos xogos de desafío, finalmente foron entre seis e sete os escollidos por cada IES: ademais do Pedra da Aguia, o Eduardo Pondal (Ponteceso), o Parga Pondal (Carballo), o Alfredo Brañas (Carballo) e As Revoltas (Cabana). Todos eses nomes tomarán parte na xornada de volta desta Liga e este Encontro, que por vez primeira conflúen, unha velada que será alá para maio e na que tamén estará o IES Urbano Lugrís de Malpica.

«Foi un día intenso e cheo de enerxía», traslada a docente Carme Fernández dende A Ponte do Porto, algo nutrido tamén pola regueifa —pan de ovo— coa que colaborou PanIgnacio. Tamén o fixeron os Concellos de Vimianzo e Camariñas, apoiando unha iniciativa «que dinamiza a lingua galega e alenta as novas xeracións inzadas de bailadores e regueifeiros nacentes».

Os nomes dos finalistas por centros educativos

Na xornada de onte, foron elixidos como finalistas para a xornada de volta da Liga e o Encontro Bergantiñán un bo número de nomes. Polo IES Eduardo Pondal, Katia, Lucía, Zaira, Sabela, Noa, Martina e Naia. Polo Isidro Parga Pondal de Carballo, Diego, Tirso, Adela, Celtia, Pablo e Iria. Polo Alfredo Brañas, Samara, Abigail, Pedro, Mateo, Robert e Joel. Por As Revoltas (Cabana), Joel, Jorge, Valeria, Carmen, Sofía e Felipe. Polo Pedra da Aguia, Rafa, Ainhoa, Daniela, Gabriel, Sebas e Bruno.