Axenda diaria | Vimianzo, Laxe, Carballo, Malpica e Cabana concentran as propostas deste 25 de xaneiro
25 ene 2026 . Actualizado a las 05:00 h.Hoxe • Domingo 25 de xaneiro, día de feira en Cee e de mercado en Carballo, e día tamén doutras citas no ámbito cultural e social da Costa da Morte, como estas que aquí seguen:
Vimianzo • O auditorio da Casa da Cultura de Vimianzo dará cabida esta tarde a un dobre pase do espectáculo Las guerreras K-Pop, El Musical. É un dos fenómenos do momento entre a infancia e a mocidade. Dirixe esta sesión Pedro Llaudes —actor, cantante e director de teatro musical—, e logo da primeira sesión, ás 17.00 horas, foi preciso habilitar unha segunda, ás 19.00. Consulta de entradas na web vigoplan.com.
Traba (Laxe) • A igrexa parroquial de Santiago de Traba acollerá esta tarde, ás 17.00 horas, unha misa ben especial. Bendiciranse as tres novas tallas que incorporará o templo. Presidirá a cerimonia o párroco de Ribadumia Edgar Emir.
Baile social • Os maiores terán hoxe varios puntos aos que desprazarse se queren gozar dunha tarde de baile. Por exemplo, ao mercado de Carballo, ás 18.00: canta Martín Reimúndez. Ou ao restaurante Pastoriza de Vimianzo: 19.00 horas. Tamén ao centro de maiores de Cabana, ás 19.00, onde tocará o dúo Élite, ou ao centro cívico de Malpica (19.00, amenizado por Mar de Caión).