A inauguración será este venres. Tamén hai novas exposicións en Cee e en Carballo
15 ene 2026 . Actualizado a las 05:00 h.Vén de anunciar o Concello de Zas, promovida a través do seu departamento de Cultura, unha nova exposición no Centro Sociocultural de Baio. A mostra integra un ciclo xa iniciado o pasado mes de outubro e que, en principio, se prolongará ata o mes de xuño, buscando a consolidación deste espazo como «un referente cultural». Desta volta será unha exposición dedicada á pintura e con dobre autoría, pois o que en Baio se verán son obras de Dolores Figueroa Calvo (Tella, Ponteceso, mais veciña da Coruña dende hai tempo) e Isabel Pardo Regueiro, tutelada nos seus inicios polo pintor coruñés Pedro Bueno.
As propostas de unha e outra —ambas xa teñen feito exposicións, mesmo no Vilán— poderán visitarse en Baio dende este venres 16 de xaneiro ata o 27 de febreiro, todo un mes.
O acto de apertura está programado para as 19.00 horas, coa presenza do alcalde, Manuel Muíño, ademais das dúas artistas. «Este ciclo de exposicións é unha aposta clara do Concello pola cultura como ferramenta de encontro, dinamización social e apoio ao talento artístico, tanto local como comarcal», sinala o rexedor. Horario para as visitas: de martes a venres, de 15.30 a 20.30 horas, e o sábado de 10.00 a 14.00.
«Linias e liñas», de Milagros Cotelo, en Garabato
O estudo Garabato de Carballo acollerá este sábado a inauguración dunha nova mostra. Leva por título Linias e liñas e é da autoría de Milagros Cotelo. A diferenza das anteriores, a posta de longo desta exposición será en sesión nocturna, este vindeiro sábado 17 de xaneiro ás 21.00 horas. «Fantasía libremente imaxinada», leva por sobrenome a proposta. Acceso libre e de balde.
Horarios da exposición do Premio Jesús Núñez en Cee
Dende onte e ata o 1 de febreiro pode visitarse na sala de exposicións da Casa da Cultura de Cee a exposición correspondente ao XIX Premio Internacional Jesús Núñez de arte gráfica da Deputación da Coruña. Recolle todo un catálogo de obras e estará aberta de luns a venres en horario de mañá e tarde: de 09.30 a 13.30 e de 16.30 a 19.30. Tamén os sábados, entre as 12.00 e as 14.00.