Na Costa da Morte destacan hoxe en Carballo os Premios Galegos da Regueifa, mais tamén hai outras citas
10 ene 2026 . Actualizado a las 05:00 h.Hoxe • Ademais dos Premios Galegos da Regueifa en Carballo —ver aquí—, da xornada de bombo de Nadal en Vimianzo —ver aquí— e do baile que volve a Cerceda —ver aquí—, todas estas citas hoxe, sábado 10 de xaneiro, na Costa da Morte:
Carballo • Botan a andar as Conversas do Rural do décimo Inverno Ancestral organizado pola asociación ambiental Senda Nova. Ás 19.00 horas, no Espazo da Natureza de Oza, encontro con Marcos Rodríguez Armada, usuario de enerxía fotovoltaica dende hai catro anos. El amosará a súa experiencia. Tamén en Carballo, pero en horario de mañá, continuará o ciclo de obradoiros de familia da agrupación Un Paso Máis: ás 10.00 horas, no Casino, a conferencia versará sobre pantallas e comunicadores táctiles, con Dolores María Peñálvez, docente na Universidade de Murcia.
Malpica • De aprendizaxe irá tamén aquí e a cousa, pois como segundo sábado de mes que é, toca sesión da Escola de Pais e Nais. Ás 11.00, no CAT de Buño, antigo centro comarcal. Están de festa neste municipio, por outra banda, e máis concretamente en Seaia, onde hoxe terán pasarrúas con Carcaxía, sesión vermú con Ritmo, inchables dende as 17.30 e verbena coa París de Noia, Rematarán Ritmo, DJ Charlie e DJ Roy.
Coristanco • É sabado de baile de maiores, con música en directo, no local social de Oca, entre as 17.30 e as 20.30. Con acceso libre.
Zas • Aínda non rematou a programación de Nadal neste municipio. O auditorio zasense acollerá ás 20.30 horas a obra de teatro O proceso, de Malasombra. Acceso tamén de balde.
Vimianzo • Na capital de Soneira funcionará a pista de xeo en horario de 11.00 a 14.00 e de 16.00 a 23.00 horas: é a penúltima xornada, pois botará o peche mañá, domingo. Tamén abrirá o Recuncho Gastronómico de 12.00 a 00.00 horas. Nel, ás 20.00 horas, ofrecerá unha animada sesión o DJ Rokiño: «xoga» na casa.