Convite da Fundación Pondal a unha entoación colectiva do Himno Galego o día 20 de decembro

Patricia Blanco
Patricia Blanco CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

Omar Rabuñal e Xosé María Varela, presidente, onte na celebración do 17.º aniversario da Fundación Pondal, en O Couto, Ponteceso
Omar Rabuñal e Xosé María Varela, presidente, onte na celebración do 17.º aniversario da Fundación Pondal, en O Couto, Ponteceso ANA GARCIA

O vindeiro sábado cúmprense 118 anos da súa interpretación pública por vez primeira, na Habana

14 dic 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

A voz propia dos galegos. Un dos símbolos de identidade deste territorio, xunto co propio idioma ou a bandeira. Todo iso é o Himno Galego, de cuxa primeira interpretación pública coñecida, o 20 de decembro de 1907 na Habana, se acadarán por tanto o vindeiro sábado 118 anos. É con motivo de tal aniversario e efeméride daquela estrea histórica e fito na diáspora que a Fundación Eduardo Pondal de Ponteceso convida a todos os organismos públicos, entidades culturais e sociais, artistas, escritores e a todos os cidadáns en xeral a que este vindeiro 20 de decembro, ás 18.00 horas, promovan a interpretación e recitado do Himno en lugares emblemáticos de cidades, vilas, pobos e aldeas. Convidan, por tanto, «a entoar e compartir un cantar común e a escoitar os rumorosos [piñeiros] interrogados polo noso bardo».

Nacía o Himno no 1890 froito da unión da poética do pontecesán Eduardo Pondal e da música do mindoniense Pascual Veiga. «A diáspora fíxoo seu e mantívoo vivo cando aquí non sempre se podía cantar en liberdade. Moito antes do seu recoñecemento oficial no 1984, Os Pinos xa era o himno do pobo: símbolo de identidade, orgullo e vontade de ser. Hoxe seguimos erguéndonos cando soa, porque nel latexa a Galicia que fomos, que somos e que queremos seguir sendo», reflexionou a Fundación estes días. Neste máis dun século a peza foi enraizando ata converterse no principal expoñente da lingua e do sentimento de pertenza dos galegos. Con este convite á súa interpretación o vindeiro sábado 20 de decembro, dende a fundación pontecesá convidan tamén a festexar a identidade cultural e musical, reivindicando o valor do Himno como elemento de cohesión colectiva. Xunta, Deputación, Concellos de Ponteceso e Mondoñedo, Consello da Cultura Galega e RAG brindan apoio á iniciativa.

A entidade que divulga o legado do bardo festexou onte os seus 17 anos de traxectoria

A Fundación Eduardo Pondal de Ponteceso, na súa firme aposta por divulgar vida, obra e legado do bardo, mantén asemade un esforzo transversal na reivindicación de que a cultura non é só cousa de grandes cidades. Procura o achegamento do saber ao rural. Precisamente onte, a entidade festexou o seu 17.ª aniversario, coa estrea e proxección do documental Saberes, dirixido por Omar Rabuñal. Os seus son xa tres lustros de recollida da memoria oral da zona da man da fundación pontecesá, con títulos anteriores como Titania S. A, Que din os rumorosos?, Saberes de muller ou Ninguén: non des a esquecemento.

Saberes reúne coñecementos de maiores de 65 anos en moi diversas cuestións, vídeos curtos nos que a xente fala das súas experiencias vitais. Precisamente un bo número dos protagonistas destas imaxes achegáronse onte ata a aldea do Couto con motivo do aniversario. Tamén usuarios da Casa da Muller, colaboradores e asistentes asiduos ás actividades que promove a Fundación. O festexo destes 17 anos completouse cunha saborosa chocolatada, moi acaída nunha tarde de outono. Xa queda menos para chegar aos dous decenios!