Convoca, co apoio de EDP, a 22.º edición deste certame escolar para escolares de terceiro e cuarto de primaria da Costa da Morte
09 nov 2025 . Actualizado a las 05:00 h.No seu obxectivo perenne de descubrir talento literario na Costa da Morte e de espertar a imaxinación entre os seus escolares, La Voz de Galicia e Radio Voz veñen de convocar unha nova edición, a 22.ª, do seu certame escolar Contos de Nadal, de novo co patrocinio de EDP Renewables. É un concurso literario dirixido a estudantes de centros educativos desta comarca que cursen segundo ciclo de primaria, isto é, cursos terceiro e cuarto.
Cada unha das creacións, segundo fai constar a organización nas bases, ha de ser inédita e estar escrita en galego, cunha extensión máxima de 1.500 caracteres. En canto a temática, e tendo en conta as datas polas que se convoca, esta deberá gardar relación coa festividade do Nadal. Entre todos os textos que se reciban, o xurado encargado das valoracións deberá seleccionar dez traballos, cuxos autores recibirán un diploma e verán ademais as súas creacións publicadas nas páxinas deste xornal. Os tres máis puntuados, a maiores, levarán un obsequio, e serán emitidos a través de Radio Voz.
O prazo: ata o 30 de novembro
Con máis de dous decenios de convocatoria, os Contos de Nadal de La Voz son xa un clásico entre os certames de escrita na Costa da Morte. Ten un irmán menor nos Contos de Primavera, que La Voz convoca para secundaria ás portas das Letras Galegas. Para este de Nadal quedan días por diante para darlle ao maxín nos centros educativos, en tanto que esta 22.ª convocatoria ten o seu prazo aberto ata o vindeiro 30 de novembro. No ano 2024 mereceu o primeiro premio Antonio Candal Rey, estudante no colexio Labarta Pose de Baio. Presentou ao certame, cuxos premios se entregaron no auditorio da Casa da Cultura de Vimianzo, O burriño que quería ser un reno de Papá Noel.
Os textos poderán enviarse fisicamente á redacción ou por correo electrónico
Será o colexio correspondente o que deba enviar os traballos correctamente identificados, antes do 30 de novembro. Terá dúas maneiras de facelo: por correo ordinario á delegación de La Voz de Galicia en Carballo (rúa Gran Vía, 84, 1.º, 15.100, Carballo) ou ben por correo electrónico ao enderezo eventos.carballo@lavoz.es. No documento que conteña o conto faranse constar os datos do autor —nome, apelidos, idade e curso—, así como os do profesor responsable da supervisión do relato e os do centro educativo (enderezo e teléfono).
Dado que os participantes cursan primaria, ao ser menores de 14 anos deberán cumprimentar asimesmo a autorización que acompaña as bases, e esta deberá ser remitida debidamente asinada polos pais ou titores legais do estudante. Poderá ser por correo electrónico (sinatura dixital) ou postal (sinatura manuscrita), aos mesmos enderezos mencionados: rúa Gran Vía, número 84, en Carballo, ou eventos.carballo@lavoz.es.