Vimianzo, Carballo, Berdillo, Camariñas, Muxía ou Cee acollen propostas dramatúrxicas
25 oct 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Además de Carballo co seu FIOT, hai no teatral hoxe unha cita de suma relevancia en Vimianzo. A través do circuíto Camiño Escena Norte chegará ás 20.30 á capital de Soneira a obra El jardín de las posibilidades, con El Tejo Producciones (Cantabria). Un espectáculo no que a poética de Lorca, e o propio Lorca, están presentes, mais deixando que todo o protagonismo vaia para Emilia Llanos, amiga do escritor e muller referencial na biografía do autor. Pode ler ao respecto esta entrevista a Carlos Troyano, dramaturgo. Polo demais, tome nota:
CARBALLO | fiot
Micro Escenas, Metro Cadrado. Dúas novas obras baixo este epígrafe que visibiliza novos xeitos de facer teatro e talento emerxente. Por un lado, «Alicia wants to», de Bengala Teatro Físico, ás 12.00, 13.00, 17.30 e 18.30 horas en Sol Espazo Artístico. Neses mesmos horarios, na terraza do Pazo da Cultura, poderase gozar de «Gracias por su visita», de Uxía Algarra. Asistir é gratuíto, se ben por limitacións de espazo convén reservar praza en fiot.microteatroentrada@gmail.com.
Café Con... Conversa co equipo da obra «Yo solo quiero irme a Francia» (Contraproducións). Ás 17.45, no salón TV do Pazo.
Programa de sala. Unha das obras máis agardadas desta edición, coas entradas esgotadas: «Yo solo quiero irme a Francia», con María Galiana como protagonista.
Berdillo | en.te.ar
Teatro infantil e para adultos. Facéndoos coincidir coa sesión de FIOT en Ruta programada para mañá, a Asociación Xuvenil Arume, de Berdillo (Carballo) promove os segundos ENcontros TEatrais ARume (Entear). Inclúen para hoxe dúas funcións con alumnado da entidade: «O grúfalo» (19.00, infantil), e «Toc Toc: quen é o último?» (19.30, adultos). No centro social, con acceso de balde ata encher aforo.
Camariñas
Festival Escena Muller (FEM). Dúas citas, unha teatral, neste ciclo que impulsa aAntena. A primeira será de divulgación, ás 11.00 no Museo do Encaixe: «Conversas creadoras», con Viki Rivadulla, Belém Tajes, Yaqui Lista e Lita González, moderadas por Noelia Teijeiro. Ás 21.00, noite de escena coa obra «Marcho que teño que marchar», no Museo do Alemán con Bea Campos.
Cee | o mes da fundación
Cándido Pazó. Non é teatro, mais teatro é. Narración oral, monólogo, a cargo dun grande actor, contador e dramaturgo, Cándido Pazó: 20.30 horas, Casa da Cultura, entrada libre. Trae «Vivir para contalo, contar para vivilo». É parte de O Mes da Fundación.
muxía | outono en escena
Títeres Alakrán. Avanza a programación municipal cunha cita familia, ás 20.00 no Salón do Voluntariado: «Pequeno kabaret de tolos», de Títeres Alakrán. Acceso libre e tamén gratuíto.