«Pura», de Carmen Méndez, abre esta tarde os Premios Fouciño

La Voz CARBALLO/ LA VOZ

CARBALLO

Carmen Méndez, madriña este ano do festival e responsable de «Pura», a curta que se poderá ver esta tarde
Carmen Méndez, madriña este ano do festival e responsable de «Pura», a curta que se poderá ver esta tarde XOAN A. SOLER

Primeira proxección e coloquio, esta tarde, no festival de curtametraxes baiés

23 oct 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Hoxe • Dende hoxe e ata o sábado, ficará a localidade de Baio convertida en capital galega do audiovisual. Botan a andar esta tarde os quintos Premios Fouciño, festival de curtametraxes con espazo para profesionais e novos talentos deste sector. Organizan Concello de Zas e Asociación Premios Fouciño, coa colaboración da Deputación.

A proposta de hoxe, 20.00 horas, vai moi en sintonía co espírito desta edición 2025 do festival: poñer o foco «no social, no innovador, e sempre partindo desde o carácter local e íntimo das historias que se volven universais». No baixo do Edificio Plaza, ao carón da pastelería Guindas, poderase ver a curta Pura, que supón a estrea como directora de Carmen Méndez, madriña do festival este ano. Haberá logo un coloquio con ela.

Con oito premios xa no seu haber, e máis do dobre de nomeamentos, en Pura unha muller volve á que foi á súa casa para recordar e para recoñecerse. Tece o seu retrato en base ao retrato de súa nai e da súa avoa —as propias nai e avoa de Carmen Méndez—, un filme de 25 minutos que xira en torno ao envellecemento e que, como ten contando a propia directora, nace dun momento vital moi concreto e da pulsión por contar algo.

«Detrás dos Premios Fouciño hai unha grande implicación tanto da veciñanza como do tecido comercial, e iso fai que o noso concello sexa un referente no sector audiovisual galego, un espazo no que teñen cabida tanto profesionais como novos talentos», apunta o alcalde de Zas, Manuel Muíño. Destaca a importancia que ten este certame para Baio e o municipio. Hoxe estará presente na inauguración.