Un oco para as primicias nos Premios Fouciño de Baio

La Voz CARBALLO/ LA VOZ

CARBALLO

Alejandro Gándara, primeiro pola esquerda, na edición 2024 dos Fouciño
Alejandro Gándara, primeiro pola esquerda, na edición 2024 dos Fouciño .

Poderanse ver a vindeira fin de semana as primeiras imaxes do último proxecto de Alejandro Gándara

18 oct 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

A localidade de Baio acollerá a vindeira fin de semana, do 23 ao 25 de outubro, unha nova edición, a quinta, dos Premios Fouciño. Xa se deron a coñecer ben adiantos, mais acaba de chegar outro, e que estes Premios acollerán en primicia as primeiras imaxes do último proxecto do baiés Alejandro Gándara. Trátase de A Costa e os castelos, unha viaxe pola Costa da Morte a través dos seus castelos, torres e pazos.

Explora pasado e presente destes espazos, nun relato que, segundo contan dende o festival, xunta a investigación histórica coa ollada curiosa sobre a relación das persoas e o patrimonio. Gándara, por certo, acaba de ser seleccionado para o Festival Internacional de Cine de Xixón con outra das súas obras, 360 curvas, codirixida xunto a Ariadna Silva.

Nos Fouciño de Baio, doutro lado, os asistentes poderán ver o día 25 a peza Un peixe é un peixe é un peixe, de Marilar Aleixandre e Alberto Pombo, creación ad hoc para a habitación Marea Viva do hotel literario Bela Fisterra, e gravada na zona.